O día 4 de outubro de 1992, un pequeno grupo de seis mozos e dúas mozas de vinte e poucos anos de idade, asinaban, nunha coñecida cafetería da rúa Venezuela de Vigo, o documento fundacional do “Clube de Espeleoloxía Maúxo”, como así se bautizou de primeiras o noso grupo.
Nas seguintes semanas, e xa co do noso expediente fundacional aprobado, e a consecuente incorporación á asemblea da Federación Galega de Espeleoloxía da que formamos parte, o Clube Espeleolóxico Maúxo sumaba dezanove licencias federativas coas que daba comezo oficial unha andaina que comezara anos atrás por dúas vías distintas. Unha, a exploración das covas do Folón (Coruxo). Outra o estudo cultural da xeografía comprendida entre as parroquias de Coruxo, Oa, Saiáns; Priegue,Camos e Chandebrito: Terras do Maúxo, ou como escribiron no século XI: Maugio.
Desde aquela, moitas teñen sido as nosas actividades, excursións, exploracións, estudos, informes, palestras, achegas en revistas científicas e de divulgación, congresos, simposios, reunións veciñais…. os nosos cadernos, boletíns de información urxente, os nosos libros… as nosas xeiras e a participación nas organizadas por outros grupos e asociacións.

Tampouco ten sido escaso o esforzo invertido, coas nosas modestas forzas, mais case sempre triunfantes, nas distintas reivindicacións en loita aberta contra aqueles abusivos PXOM, rondas viarias, campos de golf ou polígonos industriais de muíños de vento que pretenderon, e pretenden, atentar contra o patrimonio natural e cultural ao que tanto tempo lle estamos dedicando. Sorte, non ter estado sós. Saúde a Nunca Máis, Salvemos Monteferro, A Ría non se Vende, Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, SOS Groba, Foipolovento…

Logo 30 anos, pretendemos continuar. E o primeiro é celebralo. Como onte. domingo, ao xuntarnos na illa de Toralla, Maúxo ao fronte parte dos socios e socias que actualmente contamos con licencia deportiva en activo.
Nas vindeiras semanas anunciaremos outro tipo de actos conmemorativos, algúns abertos a quen poda e queira celebralo con nós.










Na tarde do pasado sábado, 5 de maio deste ano 2018, as máis de duascentas cadeiras do amplo salón de actos da A.C.D. Xuntanza, de Randufe (Tui), non chegaron para sentar a todas as persoas que asistiron á presentación de Aloianos, libro escrito, e mais editado, por Alberto Romero Rodríguez, máis coñecido como Romer.
Duascentas e trinta e unha páxinas, moitas delas ilustradas con fotografías a toda cor ou con vellas imaxes a branco e negro (máis debuxos e outras ilustracións), nas que se contan ducias de inéditas historias documentadas na oralidade da veciñanza do Aloia (Tui) e outras moitas historias gardadas por Romer na súa precisa memoria. Relatos etnográficos (contos como o de Silvana, refráns, ditos, costumes…), historias verdadeiras case esquecidas, evocacións dun mundo rural perdido ou transformado (non sempre para mellor), usos e costumes antigas (como os xogos infantís de antano, os traballos no campo e no monte….) sen fallar a edición de poesías propias, a edición de documentos que nos falan dos alicerces do Parque Natural do Monte Aloia, ou un moi completo estudo da toponimia do Aloia. Este traballo ao redor dos nomes do Aloia achega 685 nomes de lugar e microtopónimos desta parte da Galiza a cabalo dos concellos de Tui, Gondomar e Porriño, todos eles debidamente contrastados (entrevistáronse a máis de trinta persoas de avanzada idade e moito e variado saber popular) e situados como nunca antes en oito imaxes aéreas que permite idenficiar ben o territorio estudado.
O acto de presentación de Aloianos foi amenizado pola cantautora baixomiñota María José Baz e contou coas intervencións, asemade de José Font e mais Romer, do escritor, académico, político e ben querido profesor Xosé Luís Méndez Ferrín (que asina o limiar deste “libro enciclopédico”), e mais de Xavier Groba, secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, entidade da que tamén forma parte Romer. De feito, esta entidade achegou para este libro a súa colaboración na investigación do antes dito traballo ao redor da Toponimia do Aloia e mais redactou un dos capítulos do libro no que se divulgan algunhas das covas desta xeografía granítica como son A Pedra da Moura do Cotarel, A Cama de Pedro, O Niño do Bufo e As Covas da Trapa.

