Agradecementos infinitos a Berio Molina por este espectacular vídeo sobre o “Tesouro Espeleolóxico Galego”.
Este vídeo, como o libro, tamén reflicte moi ben o que é meterse nunha cova.
Clube Espeleolóxico Maúxo.
Agradecementos infinitos a Berio Molina por este espectacular vídeo sobre o “Tesouro Espeleolóxico Galego”.
Este vídeo, como o libro, tamén reflicte moi ben o que é meterse nunha cova.
PRESENTAMOS NOVO LIBRO!
Proxecto de longo alcance, xestado durante anos polo Clube Espeleolóxico Maúxo nun fermoso e coidado volume de 544 páxinas, con máis de 1200 referencias documentais, textos e imaxes, datadas antes do 1970 e de interese espeleolóxico galego.
Enciclopédica e novidosa achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura e, por suposto, nos alicerces do que son, aínda hoxe, os ignorados precedentes da actual espeleoloxía galega.
A obra conta coa brillante coautoría da poeta e profesora Alba Cid, e a excelencia da dirección editorial de Ramom Pinheiro Almuinha (aCentral Folque).
O acto de presentación, aberta ao público até completar aforo, será o vindeiro sábado 17 de decembro ás 17:00 horas, no salón de actos da Casa do Deporte da Xunta de Galicia en Vigo, rua Fotógrafo Luís Casado 17.
Contaremos co apadriñamento da presidencia e ex-presidencia da Federación Galega de Espeleoloxía.
O día 4 de outubro de 1992, un pequeno grupo de seis mozos e dúas mozas de vinte e poucos anos de idade, asinaban, nunha coñecida cafetería da rúa Venezuela de Vigo, o documento fundacional do “Clube de Espeleoloxía Maúxo”, como así se bautizou de primeiras o noso grupo.
Nas seguintes semanas, e xa co do noso expediente fundacional aprobado, e a consecuente incorporación á asemblea da Federación Galega de Espeleoloxía da que formamos parte, o Clube Espeleolóxico Maúxo sumaba dezanove licencias federativas coas que daba comezo oficial unha andaina que comezara anos atrás por dúas vías distintas. Unha, a exploración das covas do Folón (Coruxo). Outra o estudo cultural da xeografía comprendida entre as parroquias de Coruxo, Oa, Saiáns; Priegue,Camos e Chandebrito: Terras do Maúxo, ou como escribiron no século XI: Maugio.
Desde aquela, moitas teñen sido as nosas actividades, excursións, exploracións, estudos, informes, palestras, achegas en revistas científicas e de divulgación, congresos, simposios, reunións veciñais…. os nosos cadernos, boletíns de información urxente, os nosos libros… as nosas xeiras e a participación nas organizadas por outros grupos e asociacións.
Tampouco ten sido escaso o esforzo invertido, coas nosas modestas forzas, mais case sempre triunfantes, nas distintas reivindicacións en loita aberta contra aqueles abusivos PXOM, rondas viarias, campos de golf ou polígonos industriais de muíños de vento que pretenderon, e pretenden, atentar contra o patrimonio natural e cultural ao que tanto tempo lle estamos dedicando. Sorte, non ter estado sós. Saúde a Nunca Máis, Salvemos Monteferro, A Ría non se Vende, Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, SOS Groba, Foipolovento…
Logo 30 anos, pretendemos continuar. E o primeiro é celebralo. Como onte. domingo, ao xuntarnos na illa de Toralla, Maúxo ao fronte parte dos socios e socias que actualmente contamos con licencia deportiva en activo.
Nas vindeiras semanas anunciaremos outro tipo de actos conmemorativos, algúns abertos a quen poda e queira celebralo con nós.