Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

Presentamos en Tui o libro “Tesouro Espeleolóxico Galego”.

O acto de presentación será o martes día 5 de decembro, ás 20:00 horas no edificio Francisco Sánchez, rúa Colón nº 2, na antiga “Área Panorámica”.
Alí estaremos a xente do Maúxo con Alba Cid, profesora, prestixiada poeta e coautora desta magna obra editada por aCentral Folque nun coidado volume ilustrado de 544 páxinas. Ademais, contaremos co luxo de ter como presentador do evento, ao admirado erudito historiador e arquiveiro tudense, Rafael Sánchez Bargiela.

Materializamos así o devezo de presentar en Tui este traballado volume no que se editan máis de 1200 referencias (textos e imaxes ) documentadas antes de 1970 con información sobre todo tipo de cavidades naturais (covas, abrigueiros, furnas, pedras furadas…), artificiais (minas de auga, de ouro, estaño… pozos, túneles) e mesmo covas imaxinadas (corredores de dimensións extraordinarias, furadas míticas de encantos, mouros, mouras, dragóns, sons misteriosos…) de interese galego. É dicir, non só aquelas cavidades localizadas na Galiza actual, tratamos tamén, aquelas buracas en territorio estremeiro e mesmo covas ciscadas polo mundo adiante que, nalgún momento, foron descubertas, exploradas ou descritas por xente galega.
Como non podía ser doutro xeito, nesta ocasión darémoslle o protagonismo que merecen as referencias espeleolóxicas localizadas en Tui: as Covas da Trapa (documentada como Féveros no ano 1095), a Gruta do río Tabernas (da que falaba Ramón Areses) ou o incríbel túnel que comunicaba a catedral tudense e o mosteiro de Ganfei (Valença); concello minhoto tamén presente neste Tesouro coas covas graníticas do Castelo da Furna (Boivão), A Cova da Moura (São Julião da Silva) e mais as minas de volframio de Taião.

Deixar un comentario