SAE DO PRELO UNHA BREVE INTRAHISTORIA DO CLUBE MAÚXO

O pasado mércores día 26 de abril presentouse un novo volume –o vixésimo segundo– da REM, Revista de Estudos Miñoráns; prestixiada publicación na que se edita unha nosa inédita colaboración documental de carácter autobiográfico titulada “No trixésimo aniversario do Clube Espeleolóxico Maúxo”.
O acto de presentación da revista celebrouse diante dun incondicional e numeroso grupo de asistentes que case ateigaba a Aula de Cultura “Ponte de Rosas”, sede gondomareña do Instituto de Estudos Miñoráns, IEM.
Algunhas das autoras e autores que asinan neste novo número da REM tivemos uns minutos –sabiamente administrados polo director da publicación, Xosé Ramón García– quen tamén abriu e pechou o acto de presentación con certeza de palabras, sinceridade, amenidade e una axilidade tan infrecuentes, como moi de agradecer, en reunións como esta.
Destacar que o número 22 da REM sae do prelo mantendo a edición impresa a toda cor, mais cun anovado formato que permite maior tamaño en moitas ilustracións que acompañan os distintos artigos cos que temos o pracer de compartir este volume.
Sumario da Revista de Estudos Miñoráns nº 22:
• Hermida, J.J., López E., Fernández, R., Fernández, M. & Saavedra, A. (2023): “Evidencias de cambio climático na contorna do Val de Miñor”. REM 22: 8-23
• González Fdez, M. & López Fdez, A. (2022): “Estudio biométrico do garrano Equus caballus L. 1758”. REM 22: 24-33
• Manso de la Torre, X., Vilar Pedreira, X. L:, Verde Andrés, C., Romo Collada, M. Martínez Solo, E., Centelles García, B. Viña Arias, J.A., Ledo Martínez, M & Alonso Álvarez, X (2022): “O prestixio social na prehistoria a través dos petróglifos de armas”. REM 22: 34-42
• Maure Rivas, M. (2022): “En tempos da peste negra en Baiona”, REM 22: 43-45
• Anxo Mouriño, M. (2022): “A Baiona de Ariosto” REM 22: 46-52
• González Fernández, J. M. (2022): “Planta municipal, funcionarios da administración e aspectos militares de Baiona a mediados do século XVIII”. REM 22: 53-58
· Otero Dacosta, T., & Groba González, X. (2022): “No trixésimo aniversario do Clube Espeleolóxico Maúxo”. REM 22: 59-73
• Iglesias Iglesias, R. X. (2023): “Análise da concentración de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) en mexillóns da costa do Val de Miñor”. REM 22: 74-85
• REM (2022): “Segundo Concurso Fotográfico do Val de Miñor: Serras do Galiñeiro, A Groba, A Valga”. REM 22: 86-93
• Castañal Canto, X. (2022): “A experiencia no Val de Miñor axudando as persoas fumadoras a deixar de fumar”. REM 22: 94-97
• Alonso, J.L. (2022): “Contos pequenos”, REM 22: 99-104.
O noso artigo o podedes ler a continuación.
Imos Presentar O Tesouro en A Coruña
O próximo xoves 27 de abril subimos ao Norte para presentar O Tesouro Espeleolóxico galego na Coruña.
Contamos, desta volta, coa compaña do noso admirado Felipe Senén, con quen compartimos moitas das nosas inquedanzas, pero de quen destacamos, a súa traxectoria pola compilación, mostra e divulgación da nosa cultura, en todos os aspectos posibles. Destacamos nesta labor a súa participación na Asociación de Amigos dos Museos, marabillosos espazos cheos tamén de tesouros.

Venres, 14 de abril, Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego na Sede dos Montañeiros de Peña Trevinca en Vigo.
Voltamos a estar na casa e entre colegas montañeiros este Venres, 14 de abril, para falar do “Tesouro Espeleolóxico Galego”.
Unha posta en común de contidos, cargados de emocións e experiencias compartidas, polas persoas que amamos tanto as alturas como as profundidades da NOSA TERRA.

O “Tesouro Espeleolóxico Galego” en Ourense.
Desta volta, o 30 de marzo ás 19:30 da tarde, no Salón Nobre do Liceo, contamos coa presenza, na presentación do “Tesouro Espeleolóxico Galego”, de Afonso Vázquez-Monxardín, gran coñecedor do patrimonio inmaterial e arqueolóxico de Galicia.

Nova Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego.
Este sábado 18 de marzo, en Lugo, ás 19:30 no Vello Cárcere, xunto ao noso admirado Antonio Reigosa, traballador e coñecedor incansable, co que compartimos tantos gustos e admiracións, tanto polos saberes do noso pobo, como polos usos do noso territorio. Todo un privilexio.

Publicación CEM Revista “Castellum Tyde” nº 8, 2022.

O pasado venres, día 24 de febreiro de 2023, o Instituto de Estudios Tudense, IET, presentou no edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica), unha nova entrega da revista “Castellum Tyde”. O volume, o nº 8 da serie, continúa así coa benemérita tarefa de divulgación de diversos traballos inéditos sobre a historia e a cultura que atesoura a cidade de Tui e os territorios vinculados a antiga diócese tudense.
O acto de presentación da nova publicación -presidido pola Vice-presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón González, e o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González- foi tan emotivo como brillante. Centrouse en Xoán Martínez “Tamuxe” (O Rosal, 1930) arqueólogo, historiador, etnógrafo e investigador de longo percorrido; impresindible autor de consulta para tantos e variados estudos galego-portugueses, a quen vai dedicado este novo numero da revista. Sobre os méritos bibliográficos de quen en 1991 foi socio fundador do Instituto e logo presidente do mesmo entre os anos 2007 e 2017, disertou o seu fillo Xoán Martínez Barbosa. Tamén Ernesto Iglesias Almeida e Juan José Perles Fontao contribuíron deleitando ao numeroso público asistente ao redor do homenaxeado ou pormenorizando sobre a historia e méritos do “Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño”, que Tamuxe fundara xunto con Aquilino G. Santiso e Jesús Gómez Sobrino. O propio Tamuxe tivo acertadas palabras subliñando algúns aspectos do seu longo e denso legado intelectual.
Como se pode comprobar no pdf adxunto, as páxinas do novo número do “Castellum Tyde” contan cun novo traballo de investigación deste Clube Espeleolóxico Maúxo. Nesta ocasión, centrámonos en reunir toda a información dispoñíble sobre o espectacular conxunto de cavidades naturais graníticas do lugar histórico, xeositio, xacemento arqueolóxico e Monumento Natural do Castelo da Furna, localizado en Boivão, Valença, Portugal. Para nós toda unha alegría compartida con ver fóra do prelo os demais traballos que se recollen neste número 8 da revista do Instituto de Estudios Tudenses. Sumario:
1.- Martínez Barbosa, Juan Ramón: Xoán Martínez “Tamuxe”.
2.- Hidalgo, José Manuel: Castros visitables de O Baixo Miño-O Condado- Paradanta (Galicia) y O Alto y Baixo Minho (Portugal). Aportaciones sobre su estudio y musealización (I).
3.- Clube Espeleolóxico Mauxo: No Castelo da Furna. Espeleologia granítica em Boivão, Valença.
4.- Porto Ucha, Anxo Serafín, e Vázquez Ramil, Raquel: Imagen de mujer medieval del siglo X. Doña Aragonta, fundadora del Monasterio de Santa María de Saliceta.
5.- Iglesias Almeida, Ernesto: La pintura tudense en los siglos XVI y XVII.
6._ Bouzón Gallego, Avelino: Pleito por la Obra Pía de la capilla de Santo Tomás de Auino en Alxán (Soutomaior).
7.- Martinez Tamuxe, Xoán: Un curioso documento sen data nin sinatura
8.- Serra, Narciso: Feira dos Santos de Cerdal. A “feira dos Galegos”, que é de Portugal e de todos os que lá vão.
9.- González Fernández, Juan Miguel: O balneario de augas medicinais de Caldelas de Tui no século XIX.
10.- Soto Mata, Iago: Os primeiros anos da telefonía en Tui.
11.- Bugarín, Rosendo: Análisis crítico de la tesis doctoral, sobre Francisco Sánchez “el escéptico”, de Darío Álvarez Blázquez.
12.- González Piñeiro, Luis Manuel: Santa María de Luneda. Evolución arquitectónica de una iglesia sanjuanista (II).
13.- Vega, Santi: Avance del Plan Museológico. TUDE Museo Catedralicio Diocesano.
Aquí tedes o Texto:
O Tesouro Espeleolóxico Galego na TVG.
‘Tesouro Espeleolóxico Galego’: un libro para descubrir as paisaxes do inframundo
A poeta Alba Cid e Tereixa Otero Dacosta, membro club Maúxo, son coautoras de Tesouro Espeleolóxico.
Vicente Risco, Manuel Murguía ou Emilia Pardo Bazán son algúns dos autores que sentiron atracción por eses subterráneos do inframundo.
Vídeo Presentación: “Tesouro Espeleolóxico Galego”.
Agradecementos infinitos a Berio Molina por este espectacular vídeo sobre o “Tesouro Espeleolóxico Galego”.
Este vídeo, como o libro, tamén reflicte moi ben o que é meterse nunha cova.
“Tesouro Espeleolóxico Galego” na Casa de Rosalía.
Convídannos a presentar o noso novo libro na Casa de Rosalía. Expresar a nosa inmensa alegría e ledicia polo convite.

“TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO”
PRESENTAMOS NOVO LIBRO!
Proxecto de longo alcance, xestado durante anos polo Clube Espeleolóxico Maúxo nun fermoso e coidado volume de 544 páxinas, con máis de 1200 referencias documentais, textos e imaxes, datadas antes do 1970 e de interese espeleolóxico galego.
Enciclopédica e novidosa achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura e, por suposto, nos alicerces do que son, aínda hoxe, os ignorados precedentes da actual espeleoloxía galega.
A obra conta coa brillante coautoría da poeta e profesora Alba Cid, e a excelencia da dirección editorial de Ramom Pinheiro Almuinha (aCentral Folque).
O acto de presentación, aberta ao público até completar aforo, será o vindeiro sábado 17 de decembro ás 17:00 horas, no salón de actos da Casa do Deporte da Xunta de Galicia en Vigo, rua Fotógrafo Luís Casado 17.
Contaremos co apadriñamento da presidencia e ex-presidencia da Federación Galega de Espeleoloxía.

XXX ANIVERSARIO
O día 4 de outubro de 1992, un pequeno grupo de seis mozos e dúas mozas de vinte e poucos anos de idade, asinaban, nunha coñecida cafetería da rúa Venezuela de Vigo, o documento fundacional do “Clube de Espeleoloxía Maúxo”, como así se bautizou de primeiras o noso grupo.
Nas seguintes semanas, e xa co do noso expediente fundacional aprobado, e a consecuente incorporación á asemblea da Federación Galega de Espeleoloxía da que formamos parte, o Clube Espeleolóxico Maúxo sumaba dezanove licencias federativas coas que daba comezo oficial unha andaina que comezara anos atrás por dúas vías distintas. Unha, a exploración das covas do Folón (Coruxo). Outra o estudo cultural da xeografía comprendida entre as parroquias de Coruxo, Oa, Saiáns; Priegue,Camos e Chandebrito: Terras do Maúxo, ou como escribiron no século XI: Maugio.
Desde aquela, moitas teñen sido as nosas actividades, excursións, exploracións, estudos, informes, palestras, achegas en revistas científicas e de divulgación, congresos, simposios, reunións veciñais…. os nosos cadernos, boletíns de información urxente, os nosos libros… as nosas xeiras e a participación nas organizadas por outros grupos e asociacións.

Tampouco ten sido escaso o esforzo invertido, coas nosas modestas forzas, mais case sempre triunfantes, nas distintas reivindicacións en loita aberta contra aqueles abusivos PXOM, rondas viarias, campos de golf ou polígonos industriais de muíños de vento que pretenderon, e pretenden, atentar contra o patrimonio natural e cultural ao que tanto tempo lle estamos dedicando. Sorte, non ter estado sós. Saúde a Nunca Máis, Salvemos Monteferro, A Ría non se Vende, Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, SOS Groba, Foipolovento…

Logo 30 anos, pretendemos continuar. E o primeiro é celebralo. Como onte. domingo, ao xuntarnos na illa de Toralla, Maúxo ao fronte parte dos socios e socias que actualmente contamos con licencia deportiva en activo.
Nas vindeiras semanas anunciaremos outro tipo de actos conmemorativos, algúns abertos a quen poda e queira celebralo con nós.
Festival Rupestre O Fechiño

Información no cartaz adxunto e tamén podedes consultar a páxina http://www.folque.com/01.140415wp/o-fechino/
Curso USC: Ao Son do Río Miñor. 27-30 xuño.
A mediodía do vindeiro luns 27 de xuño, e nas instalacións do Parador de Turismo “Conde de
Gondomar” de Baiona, temos comprometida a nosa participación como relatores no Curso de Verán
Inter-Xeracional “Ao son do río Miñor” organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.
En representación do Clube intervirán Tereixa Otero Dacosta, e Xavier Groba. O tema escollido para a ocasión leva por título “Subterráneos do Val de Miñor”.
A xeografía miñorá conta cun modesto mais variado número de cavidades naturais e
artificiais dotadas dun moi interesante patrimonio natural, etnográfico, arqueolóxico e histórico. As
furadas de orixe natural son, todas elas, covas pseudocársticas, é dicir, cavidades desenvoltas en
rochas non solúbeis (como o granito, o gneis etc.) e produto de procesos xeolóxicos tan diversos
como son a forza do mar, a acción do xeo, causas tectónicas, fenómenos tafone ou pedras furadas,
etc. Servirán de exemplos os da Cova de Baredo ou Paleofurna das Fighosas, A Igrexa da Becha, A
Touba do Brión, A Cova da Moura, O Outeiro dos Escapados, O Outeiro das Campanas, A Lapa da
Moura… Entre os subterráneos artificiais, nesta parte do país destacan os relacionados coa auga
(pozos, minas, galerías ou túneles de abastecemento, e canles hidroeléctricas como a do Pego
Negro) así como aqueles de uso militar, nomeadamente o chamado Bunker de Silleiro.


Presentación nº 7 de “Castellum Tyde”.

No Clube Espeleolóxico Maúxo rematamos este ano 2021 coa presentación dun novo traballo de investigación. Publícase no número 7 de “Castellum Tyde”, a revista do Instituto de Estudios Tudenses, e leva por título: “Patrimonio Natural e Cultural das Covas da Trapa, RIbadelouro, Tui”. Profusamente ilustrado e documentado, este traballo ofrece por vez primeira unha visión xeral, holística, integradora, dos multidisciplinares traballos realizados desde que en 2007 nos comprometimos ao estudo deste sistema de cavidades pseudocárstico. Covas graníticas que, polas súas dimensións topografadas, sitúase no quinto posto mundial entre os subterráneos do seu tipo, e no primeiro en magnitude entre as cavernas de granito coñecidas na península ibérica. Asemade, ofrécese unha análise espacial do complexo subterráneo no seu contexto xeográfico (Monte Aloia) e histórico (Féveros, Couto de Tui, ano 1095). Resúmense os atarefados e complexos traballos de prospección e topografía espeleolóxica desenvoltos entre 2008 e 2012. Expóñense as hipótese máis verosímiles sobre a orixe e mais a evolución morfolóxica desta descomunal caverna pétrea. O texto das lendas e dos mitos que tivemos ocasión de recoller da tradición oral viva nesta parte do país directamente asociados a estas covas (Os MIlagres da Trapa, As Cadenas da Moura, A Vella do Ancazo…), a rica toponimia da gruta e da súa contorna (no seu pormenor editado polo noso colega Romer en Aloianos, Tui-2018), un achegamento a variada flora e fauna observada no interior e no espazo exterior inmediato á caverna, e un resume ilustrado, tamén de caracter divulgativo (o pormenor técnico foi editado nos Cuadernos de Estudios Gallegos, vol. 67, nº 133, CSIC-2020) do potencial arqueolóxico que agochan estas grutas.

A presentación desta nova publicación aconteceu no serán de onte, día 29 de decembro, no salón de plenos do Concello de Tui. O acto foi presidido e clausurado polo alcalde tudense, Enrique Cabaleiro e presentado e introducido por Xabier Añoveros presidente do IET quen, entre outros aspectos destacábeis, resumíu os contidos das quince achegas que forman este volume recén saído do prelo. O acto de presentación completouse coa intervención do secretario maúxo, Xavier Groba, quen tiña encomendado expoñer brevemente a contribución, arriba resumida, sobre as Covas da Trapa. A destacar o enorme interese do público asistente á presentación -o máximo permitido polas axeitadas limitacións debidas ao estado de pandemia-, a excelente organización do acto, a calidade da revista discrtea e brillantemente editada por Rafael Sánchez Bargiela, e o unánime clamor recibido do público presente para procurar que estas cavidades naturais teñan pronto recoñecidos os beneficios que lle corresponderían como Momento Natural e Ben de Interese Cultural que, sen dúbida algunha, merecen.
As Covas de Baiona de Fóra, Monte Real e A Palma
Comprácenos compartir o pdf adxunto que contén a copia dixital da última publicación en papel asinada por este Clube. Titúlase “As Covas de Baiona de Fóra, Monte Real e A Palma” e forma parte no número 20 da Revista de Estudos Miñoráns, REM (2020) pp. 23-58, que tirou do prelo, a toda cor e con moito coidado editorial, o benemérito e aprezado Instituto de Estudos Miñoráns.


Novo petróglifo de Cal de Outeiro
A nosa páxina irmá petroglifosdomauxo.com ven de publicar, en parceria co Clube Maúxo, o recente achadego de un novo petróglifo en Saiáns no lugar de Cal de Outeiro.
Mais información: Novo petróglifo de Cal de Outeiro | Petroglifos do Maúxo (petroglifosdomauxo.com)


Cronica da presentación de Aloianos.
Na tarde do pasado sábado, 5 de maio deste ano 2018, as máis de duascentas cadeiras do amplo salón de actos da A.C.D. Xuntanza, de Randufe (Tui), non chegaron para sentar a todas as persoas que asistiron á presentación de Aloianos, libro escrito, e mais editado, por Alberto Romero Rodríguez, máis coñecido como Romer.
Ben fiada a presentación por José Font (Radio Municipal de Tui), o acto centrouse na explicación dos contidos e do proceso de elaboración do novo libro realizado polo polifacético autor tudense (escritor, etnógrafo, poeta, guionista, actor, escultor e, entre outras mestrías, muiñeiro e gaiteiro) baixo o acertado, orixinal e bonito título de Aloianos.
Duascentas e trinta e unha páxinas, moitas delas ilustradas con fotografías a toda cor ou con vellas imaxes a branco e negro (máis debuxos e outras ilustracións), nas que se contan ducias de inéditas historias documentadas na oralidade da veciñanza do Aloia (Tui) e outras moitas historias gardadas por Romer na súa precisa memoria. Relatos etnográficos (contos como o de Silvana, refráns, ditos, costumes…), historias verdadeiras case esquecidas, evocacións dun mundo rural perdido ou transformado (non sempre para mellor), usos e costumes antigas (como os xogos infantís de antano, os traballos no campo e no monte….) sen fallar a edición de poesías propias, a edición de documentos que nos falan dos alicerces do Parque Natural do Monte Aloia, ou un moi completo estudo da toponimia do Aloia. Este traballo ao redor dos nomes do Aloia achega 685 nomes de lugar e microtopónimos desta parte da Galiza a cabalo dos concellos de Tui, Gondomar e Porriño, todos eles debidamente contrastados (entrevistáronse a máis de trinta persoas de avanzada idade e moito e variado saber popular) e situados como nunca antes en oito imaxes aéreas que permite idenficiar ben o territorio estudado.
O acto de presentación de Aloianos foi amenizado pola cantautora baixomiñota María José Baz e contou coas intervencións, asemade de José Font e mais Romer, do escritor, académico, político e ben querido profesor Xosé Luís Méndez Ferrín (que asina o limiar deste “libro enciclopédico”), e mais de Xavier Groba, secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, entidade da que tamén forma parte Romer. De feito, esta entidade achegou para este libro a súa colaboración na investigación do antes dito traballo ao redor da Toponimia do Aloia e mais redactou un dos capítulos do libro no que se divulgan algunhas das covas desta xeografía granítica como son A Pedra da Moura do Cotarel, A Cama de Pedro, O Niño do Bufo e As Covas da Trapa.