O vindeiro sábado 4 de outubro estaremos en Parada de Sil (Ourense) para participar no “XIII Congreso Internacional sobre Minería y Metalurgia Históricas en el SW Europeo” organizado pola SEDPGYM, “Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero” que, precisamente neste ano 2025, celebra o seu 30º aniversario.
A participación maúxa neste relevante encontro consistirá na presentación do noso libro Tesouro Espeleolóxico Galego (aCentral Folque 2022) da man do secretario do Clube e coordinador da citada obra, Xavier Groba, e tamén na proxección da premiada “Furada Negra”, curtametraxe de Berio Molina, inspirada no referido libro, e con guión de quen tamén é coautora do Tesouro Espeleolóxico Maúxo, a poeta Alba Cid. +info:
O sábado 21 de xuño de 2025 foi un día moi especial no Clube Espeleolóxico Mauxo. O noso compañeiro Alberto Romero, Romer, presentou o seu terceiro libro: Randufe de Tui. O acto celebrouse no salón de actos da Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza. A amplitude do local ficou pequena para ás máis de 200 persaos que alí nos reunimos.
Como estaba previsto, ás cinco e media da tarde tomou a palabra a periodista e directora da Radio Municipal de Tui, Beti Rey. Logo agradecer á masiva asistencia, lembrou brevemente a polifacética personalidade de Romer como poeta, escultor, gaiteiro, espeleólogo, autor de Aloaianos (2018) e Dende o monte Aloia (2002) etc. Deseguida deu paso ás persoas que participaron con Romer na presentación deste novo libro.
A primeira en falar foi Alba Cid, poeta e amiga de Romer desde 2019 cando se incorporou ao traballo maúxo do Tesouro Espeleolóxico Galego, libro no que pasou de ser asesora lingüística a coautora. A súa intervención completouna coa lectura de parte do seu prólogo para un “libro que atravesei cunha sensación luminosa: a de ser Randufe o microcosmos que Romer escolleu para entreabrir o mundo enteiro. Coma un artesán renacentista, tallando unha escena relixiosa no interior dunha casca de noz, Romer tomou a súa parroquia como medida de todas as cousas […] Historia universal de Randufe.”
De seguida quen é o arquiveiro municipal de Tui, o historiador Rafael Sánchez Bargiela fixo memoria de como polo ano 2001 coñeceu o Romer, daquela coa teima que levou á constitución da Asociación de Muiñeiros do río Tripes e á súa romaría laica dos Burros Fariñeiros. Entre as gabanzas ao novo libro, Bargiela destacou un título tan acaído por ben resumir a historia e a realidade dun territorio que ata o ano 1904 formou parte da parroquia do Sagrario de Tui con sede na propia catedral. Rematou a súa intervenciou coa lectura d eparte do seu epílogo escrito para este libro por encomenda de Romer.
Continuou coa presentación de Randufe de Tui a profesora e historiadora Tereixa Otero Dacosta, asesora documental deste libro e presidenta do Clube Espeleolóxico Maúxo. Logo manifestar a súa ledicia e a de todo o noso grupo por ver culminado este proxecto, agradeceu a bonhomía, capacidade de traballo e entusiamo contaxioso de Romer. Lembrou tamén que o autor do libro forma parte do Clube Maúxo desde 2016, se ben xa viña colaborando con nós desde anos antes en proxectos como os estudos das covas da Trapa ou Castelo da Furna. Como historiadora e docente subliñou o inestimable valor que esta achega bibliográfica ten para coñecer á historia, xeografía e cultura do país.
Alberto intervíu logo. Agradecido diante de tan numerosa asistencia, con non poucas persoas presentes das que durante estes anos o axudaron reunindo datos da parroquia. Palabras especiais de agradecemento foron para o profesor Juan José Vilches Saco de quen se reedita neste libro o seu tan brillante como esquecido opúsculo sobre a Pousa do Bispo. Diante do inconvinte de sequera mencionar os contidos editados en 318 páxinas (12 capítulos e máis 80 ilustracións a toda cor) Romer optou por resumilo dicindo que máis alá da xeografía, prehistoria, historia, recursos naturais ou traballos labregos e outros dos que hai memoria na parroquia… neste novo libro non podían faltar poemas e lembranzas varias, tanto persoais como de moita veciñanza admirada.
De seguida, o propio autor pedíulle unhas palabras ao secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, Xavier Groba González quen participou neste libro como asesor documental e coordinador da colaboración maúxa na obra. O profesor Groba gabou a participación veciñal que por caso posibilitou o capítulo dedicado á toponimia de Randufe e proximidades. Recolléronse e posicionaron 468 nomes randufeiros e máis 125 topónimos colindantes. Tamén destacou o potencial dalgúns sitios, como o enigmático castelo de Randufe, e fixo especial memoria da Sociedad de Obreros Agricultores de Randufe que, por suposto, conta con capítulo propio neste terceiro libro de Romer.
Finalmente, o autor pedíulle tamén unhas palabras públicas a quen é o produtor editorial do libro, Ramom Pinheiro Almuinha. No seu breve discurso Almuinha destacou como para aCentral Folque que dirixe, este libro é unha excepción xa que non traballan en proxectos alleos, de autor. Nesta ocasión fixérono, e con moito gosto, pola simpatía e comuñón sentidas con Romer e con todo o colectivo Maúxo, do que forma parte, xa que as satisfacións que ofrece un proxecto como este son grandes pola moita e diversa xente que é capaz de xuntarse por culminar un proxecto tan interesante como o materializado nas páxinas deste fermoso Randufe de Tui.
Celebrarase o sábado día 13 de xullo en Fecha, Santiago de Compostela, a terceira edición deste “Festival Rupestre e de Proximidade”, organizado por aCentral Folque.
Alí estaremos coa nosa proposta de “Roteiro Rupestre Sonoro”, que comezaremos na Pedra que Fala e nos levará a percorrer mil e unha historias do patrimonio natural e cultural desta especial paisaxe. Apenas parte da marabilla de actividades programadas para este ano. Animádevos.
O próximo domingo 2 de xuño, faremos de guías na andaina “Do Miño ao Val Miñor. Roteiro Transfronteirizo” organizada pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.
A nosa andaina, titulada: ““Chandebrito, entre a marabilla e o desastre patrimonial”, ten a finalidade de dar a coñecer a parroquia máis pequena do concello de Nigrán. Tamén resulta ser a menos poboada e afectada polo turismo de toda a costa sur da Ría de Vigo. A súa estratéxica situación no planalto norte do Val Miñor que domina o inmediato Val do Fragoso -onde se desenvolve a cidade de Vigo- determina unha paisaxe tan espectacular como rica en patrimonios. O roteiro previsto polo Clube Maúxo detense nalgunhas das marabillas naturais e culturais deste territorio, sen esquecer aquelas desfeitas que teñen minusvalorado esta paisaxe de tan antiga como densa historia. + info: https://roxinroxal.gal/
O vindeiro mércores 15 de maio, o noso secretario Xavier Groba vai falar da traxectoria máis comprometida do noso Clube co activivismo na defensa do patrimonio natural e cultura da paisaxe galega.
Grazas a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia por facer desta temática o eixo central destas xornadas, así como por contar con nós. É unha honra!
Partillamos o programa das xornadas e tamén o enlace da ESAD por si queredes máis información:
O acto de presentación será o martes día 5 de decembro, ás 20:00 horas no edificio Francisco Sánchez, rúa Colón nº 2, na antiga “Área Panorámica”. Alí estaremos a xente do Maúxo con Alba Cid, profesora, prestixiada poeta e coautora desta magna obra editada por aCentral Folque nun coidado volume ilustrado de 544 páxinas. Ademais, contaremos co luxo de ter como presentador do evento, ao admirado erudito historiador e arquiveiro tudense, Rafael Sánchez Bargiela.
Materializamos así o devezo de presentar en Tui este traballado volume no que se editan máis de 1200 referencias (textos e imaxes ) documentadas antes de 1970 con información sobre todo tipo de cavidades naturais (covas, abrigueiros, furnas, pedras furadas…), artificiais (minas de auga, de ouro, estaño… pozos, túneles) e mesmo covas imaxinadas (corredores de dimensións extraordinarias, furadas míticas de encantos, mouros, mouras, dragóns, sons misteriosos…) de interese galego. É dicir, non só aquelas cavidades localizadas na Galiza actual, tratamos tamén, aquelas buracas en territorio estremeiro e mesmo covas ciscadas polo mundo adiante que, nalgún momento, foron descubertas, exploradas ou descritas por xente galega. Como non podía ser doutro xeito, nesta ocasión darémoslle o protagonismo que merecen as referencias espeleolóxicas localizadas en Tui: as Covas da Trapa (documentada como Féveros no ano 1095), a Gruta do río Tabernas (da que falaba Ramón Areses) ou o incríbel túnel que comunicaba a catedral tudense e o mosteiro de Ganfei (Valença); concello minhoto tamén presente neste Tesouro coas covas graníticas do Castelo da Furna (Boivão), A Cova da Moura (São Julião da Silva) e mais as minas de volframio de Taião.
Camiñada Solidaria para a recollida de alimentos en favor de Sos Tomiño Baixo Miño e na que contaremos con varios espeleólogos do Clube Espeleolóxico Maúxo que nos falarán da segunda cova granítica máis importante de Europa.
A visita comezarémola no aparcadoiro do campo de futbol de Ribadelouro, 𝙖́𝙨 𝟬𝟵:𝟬𝟬 𝙝𝙤𝙧𝙖𝙨.
A nosa participación neste Festival Rupestre de Proximidade, vén da man da Central Folque, con quen compartimos o proxecto “Rupestre Sonoro”, un xeito novidoso de coñecer e achegarnos aos sons emitidos polos seres graníticos que habitan dende sempre a nosa paisaxe.
Para nós é unha ledicia poder compartir a nosa paixón coa veciñanza e persoas interesadas, por non esquencer, e pór en valor, un dos nosos máis valiosos patrimonios, o noso territorio.