Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego na Fundación Uxío Novoneyra.

O sábado 5 de agosto ás 18h30 na Fundación Uxío Novoneyra terá lugar a presentación do libro ‘Tesouro espeleolóxico galego’ (aCentral Folque, 2022), en modo café científico-literario, coa poeta Alba Cid e a espeleóloga Tereixa Otero (Clube Espeleolóxico Maúxo de Vigo), introducidas polo editor da obra Ramón Pinheiro.

🪺 Poesía e ciencia danse a man nesta singular proposta concibida a modo de café científico-literario e fano cunha das novas voces da poesía galega, cun universo propio e cativador Alba Cid, e coa presidenta dun dos Clubes espeleolóxicos máis reputados e experimentados dentro do panorama galego, Tereixa Otero. Este encontro permitirá dun xeito ameno un diálogo entre a cultura espeleolóxica e a creación literaria para ofrecer, dunha maneira fermosa, natural e libre unhas sesións sensoriais que introduzan as persoas asistentes no profundo do imaxinario creativo das covas galegas.

📖 “Tesouro Espeleolóxico Galego” é unha enciclopédica e novidosa achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura e, por suposto, nos alicerces do que son, aínda hoxe, os ignorados precedentes da actual espeleoloxía galega. Un proxecto de longo alcance, xestado durante 30 anos polo Clube Espeleolóxico Maúxo, editado agora nun fermoso e coidado volume de 544 páxinas, con máis de 1200 referencias documentais (textos e imaxes) de interese espeleolóxico galego.

Entrada de balde ata completar aforo.

Deixar un comentario