Cronica da presentación de Aloianos.
Na tarde do pasado sábado, 5 de maio deste ano 2018, as máis de duascentas cadeiras do amplo salón de actos da A.C.D. Xuntanza, de Randufe (Tui), non chegaron para sentar a todas as persoas que asistiron á presentación de Aloianos, libro escrito, e mais editado, por Alberto Romero Rodríguez, máis coñecido como Romer.
Ben fiada a presentación por José Font (Radio Municipal de Tui), o acto centrouse na explicación dos contidos e do proceso de elaboración do novo libro realizado polo polifacético autor tudense (escritor, etnógrafo, poeta, guionista, actor, escultor e, entre outras mestrías, muiñeiro e gaiteiro) baixo o acertado, orixinal e bonito título de Aloianos.
Duascentas e trinta e unha páxinas, moitas delas ilustradas con fotografías a toda cor ou con vellas imaxes a branco e negro (máis debuxos e outras ilustracións), nas que se contan ducias de inéditas historias documentadas na oralidade da veciñanza do Aloia (Tui) e outras moitas historias gardadas por Romer na súa precisa memoria. Relatos etnográficos (contos como o de Silvana, refráns, ditos, costumes…), historias verdadeiras case esquecidas, evocacións dun mundo rural perdido ou transformado (non sempre para mellor), usos e costumes antigas (como os xogos infantís de antano, os traballos no campo e no monte….) sen fallar a edición de poesías propias, a edición de documentos que nos falan dos alicerces do Parque Natural do Monte Aloia, ou un moi completo estudo da toponimia do Aloia. Este traballo ao redor dos nomes do Aloia achega 685 nomes de lugar e microtopónimos desta parte da Galiza a cabalo dos concellos de Tui, Gondomar e Porriño, todos eles debidamente contrastados (entrevistáronse a máis de trinta persoas de avanzada idade e moito e variado saber popular) e situados como nunca antes en oito imaxes aéreas que permite idenficiar ben o territorio estudado.
O acto de presentación de Aloianos foi amenizado pola cantautora baixomiñota María José Baz e contou coas intervencións, asemade de José Font e mais Romer, do escritor, académico, político e ben querido profesor Xosé Luís Méndez Ferrín (que asina o limiar deste “libro enciclopédico”), e mais de Xavier Groba, secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, entidade da que tamén forma parte Romer. De feito, esta entidade achegou para este libro a súa colaboración na investigación do antes dito traballo ao redor da Toponimia do Aloia e mais redactou un dos capítulos do libro no que se divulgan algunhas das covas desta xeografía granítica como son A Pedra da Moura do Cotarel, A Cama de Pedro, O Niño do Bufo e As Covas da Trapa.
Deixar unha resposta