Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

Artigos etiquetados “A Trapa

Presentación nº 7 de “Castellum Tyde”.

No Clube Espeleolóxico Maúxo rematamos este ano 2021 coa presentación dun novo traballo de investigación. Publícase no número 7 de “Castellum Tyde”, a revista do Instituto de Estudios Tudenses, e leva por título: “Patrimonio Natural e Cultural das Covas da Trapa, RIbadelouro, Tui”. Profusamente ilustrado e documentado, este traballo ofrece por vez primeira unha visión xeral, holística, integradora, dos multidisciplinares traballos realizados desde que en 2007 nos comprometimos ao estudo deste sistema de cavidades pseudocárstico. Covas graníticas que, polas súas dimensións topografadas, sitúase no quinto posto mundial entre os subterráneos do seu tipo, e no primeiro en magnitude entre as cavernas de granito coñecidas na península ibérica. Asemade, ofrécese unha análise espacial do complexo subterráneo no seu contexto xeográfico (Monte Aloia) e histórico (Féveros, Couto de Tui, ano 1095). Resúmense os atarefados e complexos traballos de prospección e topografía espeleolóxica desenvoltos entre 2008 e 2012. Expóñense as hipótese máis verosímiles sobre a orixe e mais a evolución morfolóxica desta descomunal caverna pétrea. O texto das lendas e dos mitos que tivemos ocasión de recoller da tradición oral viva nesta parte do país directamente asociados a estas covas (Os MIlagres da Trapa, As Cadenas da Moura, A Vella do Ancazo…), a rica toponimia da gruta e da súa contorna (no seu pormenor editado polo noso colega Romer en Aloianos, Tui-2018), un achegamento a variada flora e fauna observada no interior e no espazo exterior inmediato á caverna, e un resume ilustrado, tamén de caracter divulgativo (o pormenor técnico foi editado nos Cuadernos de Estudios Gallegos, vol. 67, nº 133, CSIC-2020) do potencial arqueolóxico que agochan estas grutas.

A presentación desta nova publicación aconteceu no serán de onte, día 29 de decembro, no salón de plenos do Concello de Tui. O acto foi presidido e clausurado polo alcalde tudense, Enrique Cabaleiro e presentado e introducido por Xabier Añoveros presidente do IET quen, entre outros aspectos destacábeis, resumíu os contidos das quince achegas que forman este volume recén saído do prelo. O acto de presentación completouse coa intervención do secretario maúxo, Xavier Groba, quen tiña encomendado  expoñer brevemente a contribución, arriba resumida, sobre as Covas da Trapa. A destacar o enorme interese do público asistente á presentación -o máximo permitido polas axeitadas limitacións debidas ao estado de pandemia-, a excelente organización do acto, a calidade da revista discrtea e brillantemente editada por Rafael Sánchez Bargiela, e o unánime clamor recibido do público presente para procurar que estas cavidades naturais teñan pronto recoñecidos os beneficios que lle corresponderían como Momento Natural e Ben de Interese Cultural que, sen dúbida algunha, merecen.

Advertisement