A Gruta do Monte Aloia, Tui, II: TOPONIMIA.
A Gruta do Monte Aloia, Tui, II: TOPONIMIA.
Fica dito, a existencia dun sistema de cavidades granítico en Ribadelouro, Tui, chegou ao Clube Espeleolóxico Maúxo grazas á memoria oral recollida por Afonso Rodríguez no seu capítulo do libro As Covas de Vincios. A nova cova -por uns anos arquivada no cartafol de “Cavidades pendentes”- chegou pois bautizada cos nomes de A Trapa ou Os Milaghres da Trapa, no río Ghrande.
A toponimia do río responde a un principio propio de case todos os ríos galaicos. O nome troca así avanzan as augas e nos olleiros e regatos tributarios a microtoponimia sincrónica multiplícase. Así, como indica o mito dos Milaghres da Trapa, o tramo fluvial onde esborrallou o Arco da Vella é o río Ghrande. Curso medio do río que nace non lonxe, ao noroeste do cumio de San Xiao do Aloia e cerca das mámoas da Chan Longa, e que alí, no seu primeiro tramo, recibe o nome de río do Inferno. Augas abaixo das covas da Trapa, chámaselle río do Cotarel e logo río de San Simón, sendo este o topónimo oficial escollido para a totalidade do que ven sendo o afluente do río Louro en Ribadelouro.
En canto á toponimia da cova, conste que, se ben esta é a única cavidade con ese nome do catálogo Maúxo, Trapas hai moitas. Con buracos e sen eles. Na zona ten sona A Trapa de San Salvador de Budiño e até no propio monte Aloia, contra a estrema de Rebordáns con Pazos de Reis, hai outra Trapa. A ovetense cova de La Trapa é bo exemplo da extensión dun espeleotopónimo cantábrico que na súa orixe, supostamente do francés trappe, piège, indicaría en galego ou ben 1) lugar perigoso, de caída mortal ou aprisonamento, trampa tanto para animais como persoas, ou ben 2) portelo, porta no piso, porteliña, oco ou lugar de paso. O primeiro significado, semella neste caso estar máis en acordo cos testemuños recollidos que confirman a caída a cotío de cabras, ovellas, raposas, etc., ao que se lle une a memoria da desaparición dunha velliña de Porto de Bouzas que disque, ao desaparecer co gando na Costa da Oia, dérona por morta caída na Trapa.
Se desde Oia e Porto de Bouzas, estas covas son coñecidas como Os Milaghres da Trapa / A Trapa, tamén é certo que hai xente no mesmo Ribadelouro que sabía do lugar polo nome d’A Pedra Furada. Topónimo moi estendido e común na Galiza e Portugal e case sempre indicador de cacheiras, cavidades tipo tafoni. Neste caso, en 1753 no “Interrogatorio dela Felegresia de Santa Columba de Riva de Louro” pertencente ao Catastro de Ensenada, aparece escrito na delimitación do territorio parroquial: “[…] principiando su demarcación en el marco de San Juan sigueal marco de Coto da Fernal, deeste al marco do Porto, de allí al marco de moiño Rodeiro, sigue al sitio dos Cabreiros, de allí ala piedra furada, de esta á Piedra Galiña, sigue a la puente de Febres, de esta al río Louro,y ba á orillar deel arriba asta llegar a dho marco de san Juan primera marcación […]”.
No primeiro lugar habitado augas arriba da Trapa / Milaghres da Trapa / Pedra Furada, saben do sitio mais non o recoñecen por ningún dos nomes sinalados. Para a xente d’Os Cabreiros -parroquia de Chenlo, O Porriño- o nome de vello desta parte furada do río Ghrande é o d’O Pedraghullo. Lugar de moitas e grandes pedras, como postas en punta, en agulla, polas altas e estreitas paredes rochosas (ou pozos de caída desde o exterior de máis de 10 metros de alto) que alí abondan. Como curiosidade, o nome de Pedraghullo consta próximo, na mesma Serra do Galiñeiro, mágoa que para un sistema de cavidades de bloques arrasado pola actividade mineira que se deu nos Arruídos, Vincios, nos duros anos 40 e 50 do século XX.
A esta riqueza de topónimos das covas da Trapa / Os Milaghres da Trapa / A Pedra Furada / O Pedraghullo úneselle o nome medieval de Féveros, nas formas escritas de Feueros, Fveros e Feberos. O documento clave é ben coñecido na historiografía medieval desta antiga terra de Turonio. Referímonos á doazón do Couto de Tui pola que D. Raimundo de Borgoña, na altura conde da Galiza, e a súa dona, daquela infanta, dona Urraca, outorgan o señorío temporal da cidade de Tui -e do perímetro acoutado no documento asinado o 11 de febreiro do ano 1095- ao bispo e cabildo de Santa María, igrexa catedral tudense.
Seguindo ao Prof. Dr. Fernando López Alsina (2004: 57-95), na zona que nos interesa, a delimitación do Couto de Tui: “[…] venitur in castrum et ad montem Aloie ubi fuit ciuitas antiquitus condita et ubi sunt reliquie sancti Iuliani reposite et inde ad Pedem de Carbalio et vadit per ipsum arrugium usque ad Azoreiram et intrat in Feueros unde exiens vadit ad archam de petra fita, inde ad montem Altum et intrat in fluuium Laur in porto de Urbaneli […]”. Na nosa interpretación: “[…] ven ao castro e monte Aloia onde houbo cidade de antiga condición e repousan as reliquias de S. Xián, e vai ao Pé do Carballo, e vai por este río ata as Azoreiras, e entra en Féveros onde vai saíndo a arca de Pedra Fita, e entra no rio Louro no porto de Orbenlle […]”.
Deixar unha resposta