A GRUTA DO MONTE ALOIA, I: O MITO DOS MILAGHRES DA TRAPA.
A GRUTA DO MONTE ALOIA, I: O MITO DOS MILAGHRES DA TRAPA.
A posible existencia dun sistema de cavidades no curso medio do río San Simón, en Ribadelouro, Tui, chegou aos ouvidos do Clube Espeleolóxico Maúxo da man dun relato oral facilitado por Afonso Rodríguez González con ocasión da súa colaboración no libro As Covas de Vincios. Nesta obra -editada en 2005 pola Comunidade de Montes en Man Común de Vincios, Gondomar- dedicada ó estudo das covas naturais e artificiais coñecidas polo C. E. Maúxo no sector NW da Serra do Galiñeiro / NE do Val Miñor, aproveitouse a ocasión para tamén incluir datos ao respecto das proximidades da parroquia de Vincios.
O caso é que no capítulo do libro As Covas de Vincios dedicado á memoria lendaria asociada á paisaxe da Serra do Galiñeiro, menciónase a existencia de “un pedregal coñecido como A Trapa ou Os Milaghres da Trapa. Curiosamente, é mui semellante aos Pedraghullos da Fonda do Arruído de Vincios” e ofrécese o seguinte relato, alfaia de mito recollido de primeira man por Afonso Rodríguez a un veciño da pequena aldea de Oia, Ribadelouro:
“Dunha volta […] encontrábanse unhas mulleres no campo apañando herba, cando apareceu o Arco da Vella. Un dos seus extremos púxose a beber na agua do Río Grande. Era de esperar que, transportada através do arco, caíra logo a agua en forma de chuvia sobre os campos [de Ribadelouro]. A algunha daquelas mulleres non lle debeu chistar muito a idea de apañar unha molladura, así que co fouciño que tiña na man cortoulle ao arco iris un dos seus pés. O arco, descompensado, caíu sobre o outro extremo, nas lombas do Aloia, provocando unha grande esborrallada que orixinou a caída e acumulación de grande cantidade de penedos de granito”.
O fío argumental e o simbolismo do relato anterior non se entenden ben de non ter en conta que na tradición oral galega asóciase o arco das cores ou iris -O Arco da Vella- a unha divinidade da natureza rexedora do tempo e das estacións, vinculada con fenómenos meteorolóxicos propios do inverno como son a xeada e o frio: A Vella. Con paralelos na mitoloxía doutras culturas atlánticas -en Asturias La Vieya, en Euzkadi a Mari, na illa de Man a Caillagh ny Groamagh, no Eire a Cailleach Beara, nas escocesas Higlands a Cailleach Bhear, etc.- esta case esquecida deusa de inmemorial idade, conta aqui, na paisaxe granítica da Serra do Galiñeiro, cunha presenza destacada. Onde Afumegha a Vella -perto da Touba do Brión-, a veciña paraxe de Cova da Vella -por baixo de Auga da Laxe-, a Vella do Ancazo -nas augas do río San Simón fronte da Pedra Moura do Cotarel-, así o confirman.
Afonso Rodríguez (2005:150) refire tamén como alí onde esbarrillara o Arco da Vella “pasou a ser coñecido polos viciños como os Milaghres da Trapa. No medio deste pedregullal encóntrase a Pedra da Abella, singular penedo no que, conforme refire a tradición, habitaba unha moura que fora observada coronada de cadenas de ouro”. No que nos interesa subliña aquí, repárese, deixándonos agora de explicacións sobre o simbolismo da moura e das cadenas de ouro na mitoloxía tradicional galega, como é ben dificil distinguir entre a Pedra d’Abella e a Pedra da Vella, tal como entendemos nós cando temos tido ocasión de oír falar deste singular penedo das covas d’A Trapa.
Deixar unha resposta