Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

A Gruta do Monte Aloia, Tui, III: Natureza

A Gruta do Monte Aloia, Tui, III: NATUREZA.

Distintos compromisos do Clube Espeleolóxico Maúxo -nomeadamente a organización coa Universidade d’A Coruña da primeira “International Conference on Granite Caves” dirixida aos estudosos internacionais da comisión do pseudocarst da UIS, Union International Speleology, celebrada en setembro de 2007- retrasaron comezar o estudo das covas da Trapa coñecidas desde facía dous anos grazas ao libro As Covas de Vincios.

P1060334b

O acceso ós Milaghres da Trapa nin foi nin segue a ser doado, todo o contrario. O accidentado do terreo, a pendente da Costa de Oia, o denso bosque e mato, e moi en especial, os perigosos pasos rochosos exteriores propicios á caida neste Pedraghullo -máis ainda cando a superficie da rocha ten humidade, non digamos se chove e anda un/unha con calzado inapropiado- fixeron que a prospección do entorno e pasos de acceso ó interior das covas, tardase para nós máis do habitual. A primeira xornada do clube prospectando, por fin, dentro das covas da Trapa data da mañá do 14 de outubro de 2007. A esta sucedéronlle sete xornadas máis de prospección espeleolóxica que levaron, xa a principios de marzo de 2008, a abrir proxecto maúxo de topografía e estudo.

P1060405b

O sistema de cavidades granítico de A Trapa ocupa 240 metros liñais do curso medio das águas que nacen como río do Inferno no monte Aloia. O tramo de máis forte pendente, río Ghrande, logo dun estreito par de centos de metros en superficie formando rápidos, pías e tamén pequenas pozas de água desde o seu encaixamento no Alto da Visita -Os Cabreiros, Chenlo, O Porriño- chega rápido a unha pequena chaira a 270 metros sobre o nivel do mar chamada, na tradición oral de Ribadelouro, como A Eira de Pedro. Alí, dase de xeito natural o curioso fenómeno de ver como nun intre, o río divídese. Por un par grenchas fórmase O Gorgullón e a água cae comezando o seu transitar polo subsolo do Pedraghullo. Mentras, a outra parte do río Ghrande baixa escondido pero á vista, encaixado á vez na rocha, paralelo ao sistema soterrado até xuntarse máis abaixo, logo dun desnivel de 77 metros, na segunda e total absorción do río.

P1060416

Nos 240 metros liñais de río soterrado, o espazo das covas da Trapa ten un  desenvolvemento horizontal de máis 1800 metros. Dimensión esta superada só en dúas covas graníticas no mundo; o sistema de cavidades TSOD, New York, USA, con 3950 m e a sueca Bodagrottorna, en Iggesund, Sweden, con 2610.

Pseudocarst desenvolto nunha litoloxía de granitos alcalinos de dúas micas de granular groso, os Milaghres da Trapa teñen unha historia xeolóxica complexa que se retrotrae ao remate da unión da Laurasia e Gondwana de fai dous centos e pico millóns de anos. Estamos na periféria granítica da heteroxénea Serra do Galiñeiro e na confluenza da Depresión Meridiana -aquí A Louriña, río Louro- co curso baixo do río Miño/Minho ao seu paso por Tui-Valença. Alteración e elevamento do substrato rochoso, desprendementos e movementos en pendente -semellantes os do sistema da Touba do Brión Cobreiras-, rachaduras tectónicas hercínicas e post-hercínicas, evidencias de colapso tipo dolina e a actividade sísmica de intensidade media detectada históricamente nesta terra de Turonio, son, xunto co moi principal axente das augas do río a erosionar a rocha, os ingredentes que teñen evoluído as cova da Trapa até a súa actual fasquía.

dsc_2550b

Desde a cota cero da cova, eses 240 metros liñais de río soterrado desenvolven un sistema  que acada un desnivel total de -95 m. Porén, dentro da cova non se supera en ningún punto os 20 metros de fondo. Na Trapa predominan os espazos axustados, estreitos do río -mesmo en sifón-, caos de rocha apretados e pasos perigosos de transitar, ainda que tamén hai algunha sala, corredores e mesmo saltos de considerable altura como é a fervenza de nove metros que forma o río soterrado  no sector bautizado como Féveros, en lembranza da documentación medieval e o ferver á vista das súas augas.

P1060445b

Ao igual que noutras cavidades graníticas da zona -nomeadamente no Folón, Coruxo, Vigo- entre a variedade xeomorfolóxica das covas da Trapa destacan formas resultado da lenta erosión fluvial da rocha, tipo pía ou marmita, aquí mesmo desenvoltas unhas dentro doutras, e tamén formacións de espeleotemas, xa de pigotita -como a grande e milenaria columna das “Cadenas da Moura”-  xa silíceas, tipo Ópalo A, que xa teñen sido obxecto de estudo por, entre outros proxectos, investigadores interesados na vida en condicións estremas, como as que se supoñen posibles de atopar en Marte.

P1060392

Asemade bacterias e outra microscópica, tanto no interior como no exterior das covas da Trapa existe moita e variada vida. Dentro, constan morcegos, variados arácnidos e insectos imposibles para nós de identificar e, sobre todo anfibios e réptiles, que desde 2010 estan sendo controlados para o SARE –programa de seguimento do Ministerio de Mediambiente que coordina a AHE, Asociación Herpetológica Española- polos amigos da asociación naturalista AXENA. Entre outras, consta a presenza de Rana ibérica, do Lissotritón boscai, da Salamandra salamandra, e moi en especial da Chioglosa lusitánica, endémica e fráxil saramántiga rabilonga, abundante aquí en estado adulto e xuvenil, como lugar de reprodución que, como poucos, temos nestas covas de augas limpas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Áugas procedentes en grande parte do veciño Parque Natural do Monte Aloia e que no exterior discorren entre o rochedo granítico, o que queda do bosque autóctono atlántico e o mato propio de urzas, carrascos e toxos, ambos os dous en regresión pola forte explotación forestal de eucalipto, e sobre todo, de piñeiros.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Aves rapazas, diurnas e nocturnas, dominan os ceos da Trapa. Case seguro, outra fauna e flora agardan por quen as recoñeza e valore. Pero a protección deste singular complexo cova-río, dista moito do que conviría, mesmo do que sería legal ter establecido xa, e fica a espera de que os propietarios do terreo, Xunta de Montes en Man Comun de Ribadelouro, e as autoridades do Concello de Tui e da Xunta de Galicia acaden comprender o alcance do que temos aquí e actúen a favor das singularidades dunhas covas da Trapa que, a noso ver, xa deberían ter sido recoñecidas como Monumento Natural.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

qrcode.14781601

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s