Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

Uncategorized

ÍMONOS DE CONGRESO INTERNACIONAL!

O vindeiro sábado 4 de outubro estaremos en Parada de Sil (Ourense) para participar no “XIII Congreso Internacional sobre Minería y Metalurgia Históricas en el SW Europeo” organizado pola SEDPGYM, “Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero” que, precisamente neste ano 2025, celebra o seu 30º aniversario.

A participación maúxa neste relevante encontro consistirá na presentación do noso libro Tesouro Espeleolóxico Galego (aCentral Folque 2022) da man do secretario do Clube e coordinador da citada obra, Xavier Groba, e tamén na proxección da premiada “Furada Negra”, curtametraxe de Berio Molina, inspirada no referido libro, e con guión de quen tamén é coautora do Tesouro Espeleolóxico Maúxo, a poeta Alba Cid. +info:


RANDUFE DE TUI

Novo Libro para a Historia Universal Maúxa

O sábado 21 de xuño de 2025 foi un día moi especial no Clube Espeleolóxico Mauxo. O noso compañeiro Alberto Romero, Romer, presentou o seu terceiro libro: Randufe de Tui. O acto celebrouse no salón de actos da Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza. A amplitude do local ficou pequena para ás máis de 200 persaos que alí nos reunimos.

Como estaba previsto, ás cinco e media da tarde tomou a palabra a periodista e directora da Radio Municipal de Tui, Beti Rey. Logo agradecer á masiva asistencia, lembrou brevemente a polifacética personalidade de Romer como poeta, escultor, gaiteiro, espeleólogo, autor de Aloaianos (2018) e Dende o monte Aloia (2002) etc. Deseguida deu paso ás persoas que participaron con Romer na presentación deste novo libro.

A primeira en falar foi Alba Cid, poeta e amiga de Romer desde 2019 cando se incorporou ao traballo maúxo do Tesouro Espeleolóxico Galego, libro no que pasou de ser asesora lingüística a coautora. A súa intervención completouna coa lectura de parte do seu prólogo para un “libro que atravesei cunha sensación luminosa: a de ser Randufe o microcosmos que Romer escolleu para entreabrir o mundo enteiro. Coma un artesán renacentista, tallando unha escena relixiosa no interior dunha casca de noz, Romer tomou a súa parroquia como medida de todas as cousas […] Historia universal de Randufe.”

De seguida quen é o arquiveiro municipal de Tui, o historiador Rafael Sánchez Bargiela fixo memoria de como polo ano 2001 coñeceu o Romer, daquela coa teima que levou á constitución da Asociación de Muiñeiros do río Tripes e á súa romaría laica dos Burros Fariñeiros. Entre as gabanzas ao novo libro, Bargiela destacou un título tan acaído por ben resumir a historia e a realidade dun territorio que ata o ano 1904 formou parte da parroquia do Sagrario de Tui con sede na propia catedral. Rematou a súa intervenciou coa lectura d eparte do seu epílogo escrito para este libro por encomenda de Romer.

Continuou coa presentación de Randufe de Tui a profesora e historiadora Tereixa Otero Dacosta, asesora documental deste libro e presidenta do Clube Espeleolóxico Maúxo. Logo manifestar a súa ledicia e a de todo o noso grupo por ver culminado este proxecto, agradeceu a bonhomía, capacidade de traballo e entusiamo contaxioso de Romer. Lembrou tamén que o autor do libro forma parte do Clube Maúxo desde 2016, se ben xa viña colaborando con nós desde anos antes en proxectos como os estudos das covas da Trapa ou Castelo da Furna. Como historiadora e docente subliñou o inestimable valor que esta achega bibliográfica ten para coñecer á historia, xeografía e cultura do país.

Alberto intervíu logo. Agradecido diante de tan numerosa asistencia, con non poucas persoas presentes das que durante estes anos o axudaron reunindo datos da parroquia. Palabras especiais de agradecemento foron para o profesor Juan José Vilches Saco de quen se reedita neste libro o seu tan brillante como esquecido opúsculo sobre a Pousa do Bispo. Diante do inconvinte de sequera mencionar os contidos editados en 318 páxinas (12 capítulos e máis 80 ilustracións a toda cor) Romer optou por resumilo dicindo que máis alá da xeografía, prehistoria, historia, recursos naturais ou traballos labregos e outros dos que hai memoria na parroquia… neste novo libro non podían faltar poemas e lembranzas varias, tanto persoais como de moita veciñanza admirada.

De seguida, o propio autor pedíulle unhas palabras ao secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, Xavier Groba González quen participou neste libro como asesor documental e coordinador da colaboración maúxa na obra. O profesor Groba gabou a participación veciñal que por caso posibilitou o capítulo dedicado á toponimia de Randufe e proximidades. Recolléronse e posicionaron 468 nomes randufeiros e máis 125 topónimos colindantes. Tamén destacou o potencial dalgúns sitios, como o enigmático castelo de Randufe, e fixo especial memoria da Sociedad de Obreros Agricultores de Randufe que, por suposto, conta con capítulo propio neste terceiro libro de Romer.

Finalmente, o autor pedíulle tamén unhas palabras públicas a quen é o produtor editorial do libro, Ramom Pinheiro Almuinha. No seu breve discurso Almuinha destacou como para aCentral Folque que dirixe, este libro é unha excepción xa que non traballan en proxectos alleos, de autor. Nesta ocasión fixérono, e con moito gosto, pola simpatía e comuñón sentidas con Romer e con todo o colectivo Maúxo, do que forma parte, xa que as satisfacións que ofrece un proxecto como este son grandes pola moita e diversa xente que é capaz de xuntarse por culminar un proxecto tan interesante como o materializado nas páxinas deste fermoso Randufe de Tui.


ESTREA MUNDIAL “FURADA NEGRA”

COMPRÁCENOS ANUNCIAR A ESTREA MUNDIAL DA CURTA “FURADA NEGRA”,

DO NOSO COMPAÑEIRO BERIO MOLINA QUIROGA,

NA QUE QUE RECOLLE SONS DAS COVAS E FURNAS DE GALIZA, GRAVADOS POLO AUTOR COA COLABORACIÓN DESTE CLUBE.

O FILME PROXECTARASE NO FESTIVAL S8 DA CORUÑA,

O 6 DE XUÑO ÁS 13 HORAS.

TEDES MÁIS INFO EN https://s8cinema.com/gl/2025/05/13/sinais-3-3/


“Unhas furadas cantan suaviño, pero outras provocan arrepíos.
Así, cun tremor na raíz da espiña dorsal, comezan estas memorias do inframundo”.


O Clube Maúxo na Visita a Chandebrito

Para ver como foi a nosa andaina por Chandebrito, coa Asociación Cultural Libre de Paderne, Roxín Roxal podes facelo neste enlace:


RECUNCAMOS NO FECHIÑO

Celebrarase o sábado día 13 de xullo en Fecha, Santiago de Compostela, a terceira edición deste “Festival Rupestre e de Proximidade”, organizado por aCentral Folque.

Alí estaremos coa nosa proposta de “Roteiro Rupestre Sonoro”, que comezaremos na Pedra que Fala e nos levará a percorrer mil e unha historias do patrimonio natural e cultural desta especial paisaxe. Apenas parte da marabilla de actividades programadas para este ano. Animádevos.

Para máis info consultar: http://www.folque.com/01.140415wp/


Voltamos a Chandebrito

O próximo domingo 2 de xuño, faremos de guías na andaina “Do Miño ao Val Miñor. Roteiro Transfronteirizo” organizada pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.

A nosa andaina, titulada: ““Chandebrito, entre a marabilla e o desastre patrimonial”, ten a finalidade de dar a coñecer a parroquia máis pequena do concello de Nigrán. Tamén resulta ser a menos poboada e afectada polo turismo de toda a costa sur da Ría de Vigo. A súa estratéxica situación no planalto norte do Val Miñor que domina o inmediato Val do Fragoso -onde se desenvolve a cidade de Vigo- determina unha paisaxe tan espectacular como rica en patrimonios. O roteiro previsto polo Clube Maúxo detense nalgunhas das marabillas naturais e culturais deste territorio, sen esquecer aquelas desfeitas que teñen minusvalorado esta paisaxe de tan antiga como densa historia. + info: https://roxinroxal.gal/


O Clube de Espeleoloxía Maúxo participa nas Xornadas ACTivistas da ESAD

O vindeiro mércores 15 de maio, o noso secretario Xavier Groba vai falar da traxectoria máis comprometida do noso Clube co activivismo na defensa do patrimonio natural e cultura da paisaxe galega.

Grazas a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia por facer desta temática o eixo central destas xornadas, así como por contar con nós. É unha honra!

Partillamos o programa das xornadas e tamén o enlace da ESAD por si queredes máis información:

https://esadgalicia.com/es/activistas-performance-lab-del-proyecto-nos-nous/


Presentamos en Tui o libro “Tesouro Espeleolóxico Galego”.

O acto de presentación será o martes día 5 de decembro, ás 20:00 horas no edificio Francisco Sánchez, rúa Colón nº 2, na antiga “Área Panorámica”.
Alí estaremos a xente do Maúxo con Alba Cid, profesora, prestixiada poeta e coautora desta magna obra editada por aCentral Folque nun coidado volume ilustrado de 544 páxinas. Ademais, contaremos co luxo de ter como presentador do evento, ao admirado erudito historiador e arquiveiro tudense, Rafael Sánchez Bargiela.

Materializamos así o devezo de presentar en Tui este traballado volume no que se editan máis de 1200 referencias (textos e imaxes ) documentadas antes de 1970 con información sobre todo tipo de cavidades naturais (covas, abrigueiros, furnas, pedras furadas…), artificiais (minas de auga, de ouro, estaño… pozos, túneles) e mesmo covas imaxinadas (corredores de dimensións extraordinarias, furadas míticas de encantos, mouros, mouras, dragóns, sons misteriosos…) de interese galego. É dicir, non só aquelas cavidades localizadas na Galiza actual, tratamos tamén, aquelas buracas en territorio estremeiro e mesmo covas ciscadas polo mundo adiante que, nalgún momento, foron descubertas, exploradas ou descritas por xente galega.
Como non podía ser doutro xeito, nesta ocasión darémoslle o protagonismo que merecen as referencias espeleolóxicas localizadas en Tui: as Covas da Trapa (documentada como Féveros no ano 1095), a Gruta do río Tabernas (da que falaba Ramón Areses) ou o incríbel túnel que comunicaba a catedral tudense e o mosteiro de Ganfei (Valença); concello minhoto tamén presente neste Tesouro coas covas graníticas do Castelo da Furna (Boivão), A Cova da Moura (São Julião da Silva) e mais as minas de volframio de Taião.


O vindeiro domingo, 12 de novembro o Clube Espeleolóxico Mauxo, participaremos na 𝙓 𝘾𝙖𝙢𝙞𝙣̃𝙖𝙙𝙖 𝙎𝙤𝙡𝙞𝙙𝙖𝙧𝙞𝙖 𝟮𝟬𝟮𝟯.

Camiñada Solidaria para a recollida de alimentos en favor de Sos Tomiño Baixo Miño e na que contaremos con varios espeleólogos do Clube Espeleolóxico Maúxo que nos falarán da segunda cova granítica máis importante de Europa.

A visita comezarémola no aparcadoiro do campo de futbol de Ribadelouro, 𝙖́𝙨 𝟬𝟵:𝟬𝟬 𝙝𝙤𝙧𝙖𝙨.

Toda a información e inscricións en http://www.andatui.es/

𝙀́ 𝙢𝙤𝙞 𝙞𝙢𝙥𝙤𝙧𝙩𝙖𝙣𝙩𝙚 𝙨𝙞𝙣𝙖𝙡𝙖𝙧 𝙦𝙪𝙚 𝙚𝙣 𝙣𝙞𝙣𝙜𝙪́𝙣 𝙢𝙤𝙢𝙚𝙣𝙩𝙤 𝙨𝙚 𝙖𝙘𝙘𝙚𝙙𝙚𝙧𝙖́ 𝙖𝙤 𝙞𝙣𝙩𝙚𝙧𝙞𝙤𝙧 𝙙𝙖𝙨 𝙘𝙤𝙫𝙖𝙨 𝙙𝙖 𝙏𝙧𝙖𝙥𝙖, 𝙨𝙞𝙢𝙥𝙡𝙚𝙢𝙚𝙣𝙩𝙚 𝙖𝙘𝙝𝙚𝙜𝙖𝙧𝙚́𝙢𝙤𝙣𝙤𝙨 𝙖𝙩𝙖 𝙖𝙨 𝙞𝙣𝙢𝙚𝙙𝙞𝙖𝙘𝙞𝙤́𝙣𝙨. 𝙊 𝙖𝙘𝙘𝙚𝙨𝙤 𝙖𝙨 𝙘𝙤𝙫𝙖𝙨 𝙨𝙤́ 𝙚́ 𝙧𝙚𝙘𝙤𝙢𝙚𝙣𝙙𝙖𝙙𝙤 𝙖 𝙚𝙨𝙥𝙚𝙡𝙚𝙤́𝙡𝙤𝙜𝙤𝙨 𝙚𝙭𝙥𝙚𝙧𝙩𝙤𝙨.

May be an image of 3 persoas, people climbing, Saqsaywaman e text that says 'X Camiñada Solidaria 2023 Para a recollida de alimentos Domingo en favor de 12 sOS Tomiño Baixo Miño de novembro Achegarémonos ata as proximidades das covas da Trapa, onde espeleólogos do Clube Maύxo nos falarán da segunda cova granítica máis importante de Europa Saída desde o campo de futbol de Ribadelouro, ás 09:00 horas Percorrido fácil, sobre 6 km Máis info en www.andatui.es aniza andatui Colabora Clube Espeleolóxico óxico Maύxo'


O Vindeiro Sábado, 16 de Setembro, O Clube de Espeleoloxía Maúxo, estaremos guiando a visita á Pedra que Fala e outros monumentos graníticos en San Xoán de Fecha, Compostela.

A nosa participación neste Festival Rupestre de Proximidade, vén da man da Central Folque, con quen compartimos o proxecto “Rupestre Sonoro”, un xeito novidoso de coñecer e achegarnos aos sons emitidos polos seres graníticos que habitan dende sempre a nosa paisaxe.

Para nós é unha ledicia poder compartir a nosa paixón coa veciñanza e persoas interesadas, por non esquencer, e pór en valor, un dos nosos máis valiosos patrimonios, o noso territorio.


Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego na Fundación Uxío Novoneyra.

O sábado 5 de agosto ás 18h30 na Fundación Uxío Novoneyra terá lugar a presentación do libro ‘Tesouro espeleolóxico galego’ (aCentral Folque, 2022), en modo café científico-literario, coa poeta Alba Cid e a espeleóloga Tereixa Otero (Clube Espeleolóxico Maúxo de Vigo), introducidas polo editor da obra Ramón Pinheiro.

🪺 Poesía e ciencia danse a man nesta singular proposta concibida a modo de café científico-literario e fano cunha das novas voces da poesía galega, cun universo propio e cativador Alba Cid, e coa presidenta dun dos Clubes espeleolóxicos máis reputados e experimentados dentro do panorama galego, Tereixa Otero. Este encontro permitirá dun xeito ameno un diálogo entre a cultura espeleolóxica e a creación literaria para ofrecer, dunha maneira fermosa, natural e libre unhas sesións sensoriais que introduzan as persoas asistentes no profundo do imaxinario creativo das covas galegas.

📖 “Tesouro Espeleolóxico Galego” é unha enciclopédica e novidosa achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura e, por suposto, nos alicerces do que son, aínda hoxe, os ignorados precedentes da actual espeleoloxía galega. Un proxecto de longo alcance, xestado durante 30 anos polo Clube Espeleolóxico Maúxo, editado agora nun fermoso e coidado volume de 544 páxinas, con máis de 1200 referencias documentais (textos e imaxes) de interese espeleolóxico galego.

Entrada de balde ata completar aforo.


Imaxe

Nova Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego


SAE DO PRELO UNHA BREVE INTRAHISTORIA DO CLUBE MAÚXO

O pasado mércores día 26 de abril presentouse un novo volume –o vixésimo segundo– da REM, Revista de Estudos Miñoráns; prestixiada publicación na que se edita unha nosa inédita colaboración documental de carácter autobiográfico titulada “No trixésimo aniversario do Clube Espeleolóxico Maúxo”.

O acto de presentación da revista celebrouse diante dun incondicional e numeroso grupo de asistentes que case ateigaba a Aula de Cultura “Ponte de Rosas”, sede gondomareña do Instituto de Estudos Miñoráns, IEM.

Algunhas das autoras e autores que asinan neste novo número da REM tivemos uns minutos –sabiamente administrados polo director da publicación, Xosé Ramón García– quen tamén abriu e pechou o acto de presentación con certeza de palabras, sinceridade, amenidade e una axilidade tan infrecuentes, como moi de agradecer, en reunións como esta.

Destacar que o número 22 da REM sae do prelo mantendo a edición impresa a toda cor, mais cun anovado formato que permite maior tamaño en moitas ilustracións que acompañan os distintos artigos cos que temos o pracer de compartir este volume.

Sumario da Revista de Estudos Miñoráns nº 22:

• Hermida, J.J., López E., Fernández, R., Fernández, M. & Saavedra, A. (2023): “Evidencias de cambio climático na contorna do Val de Miñor”. REM 22: 8-23

• González Fdez, M. & López Fdez, A. (2022): “Estudio biométrico do garrano Equus caballus L. 1758”. REM 22: 24-33

• Manso de la Torre, X., Vilar Pedreira, X. L:, Verde Andrés, C., Romo Collada, M. Martínez Solo, E., Centelles García, B. Viña Arias, J.A., Ledo Martínez, M & Alonso Álvarez, X (2022): “O prestixio social na prehistoria a través dos petróglifos de armas”. REM 22: 34-42

• Maure Rivas, M. (2022): “En tempos da peste negra en Baiona”, REM 22: 43-45

• Anxo Mouriño, M. (2022): “A Baiona de Ariosto” REM 22: 46-52

• González Fernández, J. M. (2022): “Planta municipal, funcionarios da administración e aspectos militares de Baiona a mediados do século XVIII”. REM 22: 53-58

· Otero Dacosta, T., & Groba González, X. (2022): “No trixésimo aniversario do Clube Espeleolóxico Maúxo”. REM 22: 59-73

• Iglesias Iglesias, R. X. (2023): “Análise da concentración de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) en mexillóns da costa do Val de Miñor”. REM 22: 74-85

• REM (2022): “Segundo Concurso Fotográfico do Val de Miñor: Serras do Galiñeiro, A Groba, A Valga”. REM 22: 86-93

• Castañal Canto, X. (2022): “A experiencia no Val de Miñor axudando as persoas fumadoras a deixar de fumar”. REM 22: 94-97

• Alonso, J.L. (2022): “Contos pequenos”, REM 22: 99-104.

O noso artigo o podedes ler a continuación.


Imos Presentar O Tesouro en A Coruña

O próximo xoves 27 de abril subimos ao Norte para presentar O Tesouro Espeleolóxico galego na Coruña.

Contamos, desta volta, coa compaña do noso admirado Felipe Senén, con quen compartimos moitas das nosas inquedanzas, pero de quen destacamos, a súa traxectoria pola compilación, mostra e divulgación da nosa cultura, en todos os aspectos posibles. Destacamos nesta labor a súa participación na Asociación de Amigos dos Museos, marabillosos espazos cheos tamén de tesouros.


Venres, 14 de abril, Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego na Sede dos Montañeiros de Peña Trevinca en Vigo.

Voltamos a estar na casa e entre colegas montañeiros este Venres, 14 de abril, para falar do “Tesouro Espeleolóxico Galego”.

Unha posta en común de contidos, cargados de emocións e experiencias compartidas, polas persoas que amamos tanto as alturas como as profundidades da NOSA TERRA.


O “Tesouro Espeleolóxico Galego” en Ourense.

Desta volta, o 30 de marzo ás 19:30 da tarde, no Salón Nobre do Liceo, contamos coa presenza, na presentación do “Tesouro Espeleolóxico Galego”, de Afonso Vázquez-Monxardín, gran coñecedor do patrimonio inmaterial e arqueolóxico de Galicia.


Nova Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego.

Este sábado 18 de marzo, en Lugo, ás 19:30 no Vello Cárcere, xunto ao noso admirado Antonio Reigosa, traballador e coñecedor incansable, co que compartimos tantos gustos e admiracións, tanto polos saberes do noso pobo, como polos usos do noso territorio. Todo un privilexio.


Imaxe

Nova Presentación do Tesouro Espeleolóxico Galego.


Publicación CEM Revista “Castellum Tyde” nº 8, 2022.

O pasado venres, día 24 de febreiro de 2023, o Instituto de Estudios Tudense, IET, presentou no edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica), unha nova entrega da revista “Castellum Tyde”. O volume, o nº 8 da serie, continúa así coa benemérita tarefa de divulgación de diversos traballos inéditos sobre a historia e a cultura que atesoura a cidade de Tui e os territorios vinculados a antiga diócese tudense.

O acto de presentación da nova publicación -presidido pola Vice-presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón González, e o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González- foi tan emotivo como brillante. Centrouse en Xoán Martínez “Tamuxe” (O Rosal, 1930) arqueólogo, historiador, etnógrafo e investigador de longo percorrido; impresindible autor de consulta para tantos e variados estudos galego-portugueses, a quen vai dedicado este novo numero da revista. Sobre os méritos bibliográficos de quen en 1991 foi socio fundador do Instituto e logo presidente do mesmo entre os anos 2007 e 2017, disertou o seu fillo Xoán Martínez Barbosa. Tamén Ernesto Iglesias Almeida e Juan José Perles Fontao contribuíron deleitando ao numeroso público asistente ao redor do homenaxeado ou pormenorizando sobre a historia e méritos do “Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño”, que Tamuxe fundara xunto con Aquilino G. Santiso e Jesús Gómez Sobrino. O propio Tamuxe tivo acertadas palabras subliñando algúns aspectos do seu longo e denso legado intelectual.

Como se pode comprobar no pdf adxunto, as páxinas do novo número do “Castellum Tyde” contan cun novo traballo de investigación deste Clube Espeleolóxico Maúxo. Nesta ocasión, centrámonos en reunir toda a información dispoñíble sobre o espectacular conxunto de cavidades naturais graníticas do lugar histórico, xeositio, xacemento arqueolóxico e Monumento Natural do Castelo da Furna, localizado en Boivão, Valença, Portugal. Para nós toda unha alegría compartida con ver fóra do prelo os demais traballos que se recollen neste número 8 da revista do Instituto de Estudios Tudenses. Sumario:

1.- Martínez Barbosa, Juan Ramón: Xoán Martínez “Tamuxe”.

2.- Hidalgo, José Manuel: Castros visitables de O Baixo Miño-O Condado- Paradanta (Galicia) y O Alto y Baixo Minho (Portugal). Aportaciones sobre su estudio y musealización (I).

3.- Clube Espeleolóxico Mauxo: No Castelo da Furna. Espeleologia granítica em Boivão, Valença.

4.- Porto Ucha, Anxo Serafín, e Vázquez Ramil, Raquel: Imagen de mujer medieval del siglo X. Doña Aragonta, fundadora del Monasterio de Santa María de Saliceta.

5.- Iglesias Almeida, Ernesto: La pintura tudense en los siglos XVI y XVII.

6._ Bouzón Gallego, Avelino: Pleito por la Obra Pía de la capilla de Santo Tomás de Auino en Alxán (Soutomaior).

7.- Martinez Tamuxe, Xoán: Un curioso documento sen data nin sinatura

8.- Serra, Narciso: Feira dos Santos de Cerdal. A “feira dos Galegos”, que é de Portugal e de todos os que lá vão.

9.- González Fernández, Juan Miguel: O balneario de augas medicinais de Caldelas de Tui no século XIX.

10.- Soto Mata, Iago: Os primeiros anos da telefonía en Tui.

11.- Bugarín, Rosendo: Análisis crítico de la tesis doctoral, sobre Francisco Sánchez “el escéptico”, de Darío Álvarez Blázquez.

12.- González Piñeiro, Luis Manuel: Santa María de Luneda. Evolución arquitectónica de una iglesia sanjuanista (II).

13.- Vega, Santi: Avance del Plan Museológico. TUDE Museo Catedralicio Diocesano.

Aquí tedes o Texto:


O Tesouro Espeleolóxico Galego na TVG.

‘Tesouro Espeleolóxico Galego’: un libro para descubrir as paisaxes do inframundo

A poeta Alba Cid e  Tereixa Otero Dacosta, membro club Maúxo, son coautoras de Tesouro Espeleolóxico.

Vicente Risco, Manuel Murguía ou Emilia Pardo Bazán son algúns dos autores que sentiron atracción por eses subterráneos do inframundo.

https://www.g24.gal/-/-tesouro-espeleol%C3%B3xico-galego-un-libro-para-descubrir-as-paisaxes-do-inframundo


Vídeo Presentación: “Tesouro Espeleolóxico Galego”.

Non podemos pedir nada máis extraordinario para o novo ano que contar coa maxia coa que rematamos este 2022.

Agradecementos infinitos a Berio Molina por este espectacular vídeo sobre o “Tesouro Espeleolóxico Galego”.

Este vídeo, como o libro, tamén reflicte moi ben o que é meterse nunha cova.


Imaxe

Última Presentación do Tesouro deste Ano: Ponteceso.


Imaxe

Nova Presentación do Tesouro en Rianxo.


Imaxe

Roteiro Ao Altar de Santiago-Padrón.