Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

Como xa sabedes, por outras participacións nosas, no Clube Espeleolóxico Maúxo, levamos uns anos colaborando na construción de Rupestre Sonoro, un proxecto colectivo e multicreativo que recolle a memoria oral arredor das Pedras que Falan, e procura contribuír á conservación, divulgación e posta en valor, dun patrimonio que abrangue tanto, os elementos arqueolóxicos, como as lendas, a microtoponimia, os usos sociais e os coñecementos asociados á natureza.

Este ano vén de ser distinguido na 2ª Edición do Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2026 da Deputación da Coruña, polo que vos deixamos a programación que se presentará no mes de sembro con roteiros e creacións artísticas nos concellos de Arteixo, Mañón, Teo e Trazo e un encontro inaugural en Santiago de Compostela.

As Pedras que Falan, singulares formacións pétreas con particularidades acústicas vinculadas ao patrimonio arqueolóxico, á tradición oral e ás prácticas culturais no territorio, protagonizan Rupestre Sonoro, un proxecto que se achega a estes enclaves desde a investigación, a participación local e a creación contemporánea.

Ao longo do mes de setembro, o programa ofrece catro roteiros ao patrimonio pétreo e propostas artísticas site-specifiic en locais da provincia da Coruña: Loureda (Arteixo), Serra da Faladora (Mañón), Luou (Teo) e Monzo (Trazo). As características de cada pedra e o seu contexto arqueolóxico, paisaxístico e cultural son o punto de partida para as intervencións artísticas, que buscan establecer unha relación única co espazo e coa súa memoria.

PROGRAMA

Primeira cita en Compostela: Diálogos das Pedras que Falan

O programa comeza en Santiago cunha conversa sobre patrimonio e creación. Será o xoves 10 de setembro, ás 19:00 h, no CSC Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela, co encontro inaugural Diálogos das Pedras que Falan. Nesta sesión, os membros do colectivo Rupestre Sonoro Alba Cid, Xoán-Xil López, Xavier Groba e Ramon Pinheiro abordarán este patrimonio dende perspectivas diversas, reflexionando sobre as súas potencialidades e problemáticas, tanto para as comunidades locais como para a creación artística actual.

Roteiros: catro pedras / catro intervencións

O programa continuará con catro Roteiros Rupestres Sonoros, deseñados a partir de cada localización e conducidos por persoas e colectivos vinculados ao coñecemento e á divulgación do patrimonio.

1ª acción: Loureda (Arteixo), o sábado 12 de setembro ás 10:30 h, Xabier Maceiras guiará o percorrido ata a Pedra que Fala de Loureda, no que contaremos con intervencións sonoras de Xurxo Souto. O punto de encontro será o Centro Social Foxo-Loureda.

2ª acción: Serra da Faladora (Mañón), o domingo 13 de setembro. Magdalena Fernández Rubido guiará, a partir das 10:30 h, o roteiro arredor da Pena Faladora, que incluirá a intervención musical de David Bellas. A actividade contará, grazas ao apoio do Concello de Mañón, con servizo gratuíto de autobús, con reserva previa (tlf: 981414002 ou cultura.deportes@manon.es), con saída desde O Barqueiro (10:00 h, parada xunto ao Banco Santander). O punto de encontro será o Dolmen da Faladora.

3ª acción: Luou (Teo), o sábado 19 de setembro ás 19:00 h, o Colectivo A Rula conducirá o roteiro das Pedras sacras ata a Pedra Foca, con intervencións poético-aurais de Alba Cid e Xoán-Xil López. O punto de encontro será o lugar de Loureiro, en Luou.

4ª acción: Monzo (Trazo), o derradeiro roteiro do programa decorrerá o domingo 27 de setembro ás 17:00 h co Clube Espeleolóxico Maúxo arredor da Pedra Faladora, que culminará cunha intervención de narración oral a cargo de Quico Cadaval. O punto de encontro será o local social de Monzo.

*As actividades teñen unha duración aproximada de entre dúas horas e media e tres, e están pensadas como percorridos de descubrimento nos que o patrimonio material e inmaterial de cada lugar se converte en materia para a creación artística contemporánea.

Rupestre Sonoro desenvolverá esta programación presencial durante setembro e outubro. Terá continuidade nos meses seguintes con novos materiais derivados do proxecto, entre eles publicacións dixitais, videocreacións e unha publicación en papel que anunciaremos nos vindeiros meses.

+info: https://www.folque.com/01.140415wp/rupestre-sonoro/

Deixar un comentario