A CERÁMICA CAMPANIFORME DO MONTE PINDO.
O pasado martes día 16 de febreiro deste ano 2016, a páxina web da benemérita asociación Monte Pindo Parque Natural daba conta da presentación e promoción dunha “reprodución dunha vasilla campaniforme neolítica” que se correspondería coa fai uns anos atopada por membros deste Clube Espeleolóxico Maúxo no interior dun sistema de cavidades do citado monte de Carnota.
Desde aquí queremos aproveitar a ocasión para desexar que a inciativa, cando menos, axude a promocionar as xustas e ogalla que prontas medidas de protección, salvagarda, estudo e promoción que fagan do Monte Pindo, canto antes, como ben se reivindica, un espazo cada vez mellor coidado, coñecido e desfrutado por toda a sociedade. Desde este C. E. Maúxo, como é sabido e público, compartimos a inquedanza e vaia, pois, de novo a nosa solidariedade con ese obxectivo a prol do Pindo: Parque Natural.
Con todo, consideramos axeitado facer públicas as seguintes matizacións:
- A cerámica de tradición campaniforme rescatada polo Clube Maúxo do interior dunha das covas d’O Pindo (de nome e coordenadas reservadas aquí por cautela) é só un pequeno fragmento. Os feitos da súa casual descuberta e da decisión do seu rescate (derivada do evidente perigo de desaparición ou deterioro ao estar á vista e en contacto co curso de augas soterrado) foron inmediatamente comunicados polo C. E. Maúxo ás autoridades competentes (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia) quen contaron con toda a información por escrito tanto do recuperado como do potencial arqueolóxico propio desta cova do Monte Pindo. A mencionada peza foi depositada pola referida entidade espeleolóxica (xunto cos outros 8 fragmentos cerámicos recuperados do interior da cavidade) o día 5 de marzo de 2008 no Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón (A Coruña) como así consta no oportuno informe adxunto, acta de depósito e comunicados correspondentes.
- Tal e como se pode comprobar na referida documentación e no citado museo, o fragmento campaniforme desta cova do Pindo non sofríu rotura, raspado ou estracción de mostra material algunha. Desde o seu rescate ata o seu depósito museístico, a peza estivo en todo momento baixo custodia da secretaria deste C. E. Maúxo e nunca se accedeu ás pretensións de datar por termoluminiscencia dito fragmento cerámico xa que tal operación conlevaba a destrución da mostra (de evidente valor cultural en si mesma) e dos permisos legais oportunos que ao Clube Maúxo non nos correspondía nin tramitar nin, moito menos, autorizar ou favorecer.
- Así pois, desde o C. E. Maúxo lamentar moi en serio que se divulguen falsos datos ao respecto, de todo carentes de creto, xa que como fica dito en ningún momento se facilitou a datación por termoluminiscencia da referida peza de tradición campaniforme localizada no Monte Pindo. Ademáis, como todos os fragmentos recuperados do interior desta cova do Monte Pindo, ao anaco campaniforme en cuestión lle corresponde unha datación de, como moito (o que non é pouco) uns 4.000 anos de vello; tal e como se ten aceptado desde a ciencia prehistórica grazas a tantos e tantos outros xacementos arqueolóxicos con restos cerámicos campaniformes propios dos primeiros intres da Idade do Bronce estudados debidamente por toda a franxa atlántica europea.
Deixar unha resposta