Sitio oficial do Clube Espeleolóxico Maúxo.

RANDUFE DE TUI

Novo Libro para a Historia Universal Maúxa

O sábado 21 de xuño de 2025 foi un día moi especial no Clube Espeleolóxico Mauxo. O noso compañeiro Alberto Romero, Romer, presentou o seu terceiro libro: Randufe de Tui. O acto celebrouse no salón de actos da Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza. A amplitude do local ficou pequena para ás máis de 200 persaos que alí nos reunimos.

Como estaba previsto, ás cinco e media da tarde tomou a palabra a periodista e directora da Radio Municipal de Tui, Beti Rey. Logo agradecer á masiva asistencia, lembrou brevemente a polifacética personalidade de Romer como poeta, escultor, gaiteiro, espeleólogo, autor de Aloaianos (2018) e Dende o monte Aloia (2002) etc. Deseguida deu paso ás persoas que participaron con Romer na presentación deste novo libro.

A primeira en falar foi Alba Cid, poeta e amiga de Romer desde 2019 cando se incorporou ao traballo maúxo do Tesouro Espeleolóxico Galego, libro no que pasou de ser asesora lingüística a coautora. A súa intervención completouna coa lectura de parte do seu prólogo para un “libro que atravesei cunha sensación luminosa: a de ser Randufe o microcosmos que Romer escolleu para entreabrir o mundo enteiro. Coma un artesán renacentista, tallando unha escena relixiosa no interior dunha casca de noz, Romer tomou a súa parroquia como medida de todas as cousas […] Historia universal de Randufe.”

De seguida quen é o arquiveiro municipal de Tui, o historiador Rafael Sánchez Bargiela fixo memoria de como polo ano 2001 coñeceu o Romer, daquela coa teima que levou á constitución da Asociación de Muiñeiros do río Tripes e á súa romaría laica dos Burros Fariñeiros. Entre as gabanzas ao novo libro, Bargiela destacou un título tan acaído por ben resumir a historia e a realidade dun territorio que ata o ano 1904 formou parte da parroquia do Sagrario de Tui con sede na propia catedral. Rematou a súa intervenciou coa lectura d eparte do seu epílogo escrito para este libro por encomenda de Romer.

Continuou coa presentación de Randufe de Tui a profesora e historiadora Tereixa Otero Dacosta, asesora documental deste libro e presidenta do Clube Espeleolóxico Maúxo. Logo manifestar a súa ledicia e a de todo o noso grupo por ver culminado este proxecto, agradeceu a bonhomía, capacidade de traballo e entusiamo contaxioso de Romer. Lembrou tamén que o autor do libro forma parte do Clube Maúxo desde 2016, se ben xa viña colaborando con nós desde anos antes en proxectos como os estudos das covas da Trapa ou Castelo da Furna. Como historiadora e docente subliñou o inestimable valor que esta achega bibliográfica ten para coñecer á historia, xeografía e cultura do país.

Alberto intervíu logo. Agradecido diante de tan numerosa asistencia, con non poucas persoas presentes das que durante estes anos o axudaron reunindo datos da parroquia. Palabras especiais de agradecemento foron para o profesor Juan José Vilches Saco de quen se reedita neste libro o seu tan brillante como esquecido opúsculo sobre a Pousa do Bispo. Diante do inconvinte de sequera mencionar os contidos editados en 318 páxinas (12 capítulos e máis 80 ilustracións a toda cor) Romer optou por resumilo dicindo que máis alá da xeografía, prehistoria, historia, recursos naturais ou traballos labregos e outros dos que hai memoria na parroquia… neste novo libro non podían faltar poemas e lembranzas varias, tanto persoais como de moita veciñanza admirada.

De seguida, o propio autor pedíulle unhas palabras ao secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo, Xavier Groba González quen participou neste libro como asesor documental e coordinador da colaboración maúxa na obra. O profesor Groba gabou a participación veciñal que por caso posibilitou o capítulo dedicado á toponimia de Randufe e proximidades. Recolléronse e posicionaron 468 nomes randufeiros e máis 125 topónimos colindantes. Tamén destacou o potencial dalgúns sitios, como o enigmático castelo de Randufe, e fixo especial memoria da Sociedad de Obreros Agricultores de Randufe que, por suposto, conta con capítulo propio neste terceiro libro de Romer.

Finalmente, o autor pedíulle tamén unhas palabras públicas a quen é o produtor editorial do libro, Ramom Pinheiro Almuinha. No seu breve discurso Almuinha destacou como para aCentral Folque que dirixe, este libro é unha excepción xa que non traballan en proxectos alleos, de autor. Nesta ocasión fixérono, e con moito gosto, pola simpatía e comuñón sentidas con Romer e con todo o colectivo Maúxo, do que forma parte, xa que as satisfacións que ofrece un proxecto como este son grandes pola moita e diversa xente que é capaz de xuntarse por culminar un proxecto tan interesante como o materializado nas páxinas deste fermoso Randufe de Tui.

Deixar un comentario