Nova desfeita ecolóxica e paisaxística en Priegue.
O pasado domingo 28 de setembro deste ano 2014, membros deste Clube vimos de constatar como, durante as pasadas semanas, téñense verquido centos de camións cargados con materiais solidos en terreos da Comunidade Montes en Man Común da parroquia de Priegue, Nigrán. En concreto, os feitos localízanse no monte inmediato ao barrio da Mámoa da referida parroquia miñorana onde, antigamente, existía unha pequena canteira artesanal de granito, fai décadas abandoada.
A falla dos resultados da investigación en curso e das oportunas análises dos materiais depositados nesta parte do Concello de Nigrán, esta entidade quere lamentar e denunciar públicamente os referidos feitos por varios motivos:
Primeiro. Sospeitamos que entre o material utilizado hai lodos procedentes da hoxe en obras Estación Depuradora de Augas Residuais do Lagares, así como outros materiais contaminantes (en especial uralitas, amianto) verquidos a toneladas e sen garantías de teres sido procesados por algún tratamento de depuración e control.
Segundo. A superficie afectada por estes recheos afectou a moitos máis metros cadrados dos que ocupaba a vella canteira abandonada para estenderse polas inmediacións, en terreo forestal de grande valor paisaxístico, modificando o terreo notablemente e, como se observa na fotografía adxunta, elevando ata tres / seis metros de altura (segundo o punto de medición) o relevo orixinal desta parte do monte de Priegue.
Terceiro. Esta actuación, de todo irresponsable pola natureza dos materiais verquidos, temémonos que ocasionará a contaminación das águas que traerán as vindeiras chuvias, águas que, á fin, han chegar aos acuíferos próximos das vivendas do barrio da Mámoa (a menos de 100 metros) e tamén a lugares máis afastados, monte abaixo, xa que as escorrentías e as águas soterradas non saben de cancelas no campo.
Cuarto. Sospeitamos que estes verquidos (das que non hai noticia pública de ter licenza nin permisos de medioambiente, patrimonio, concello…) son reincidentes. Tal e como informaba o xornal La Voz de Galicia do día 03 de decembro de 2011, exactamente no mesmo sitio, xa se depositaran naquela data, citamos: “restos de obras municipales, baldosas de aceras, latas, ordenadores, ruedas y toda clase de desperdicios como televisores, sanitarios y chatarra en general”. É dicir, estamos hoxe ante a segunda fase dun xeito de facer obras a prazos, é dicir, agárdase a que se esquezan ou arquiven as denuncias (neste caso de fai tres anos) para continúalas e rematalas con todo o suxo beneficio de quen as promove e leva adiante. Reincidencia, intencionalidade e a maiores, obsérvese na fotografía adxunta como, por riba desa fedorenta “terra” de cor gris, estendeuse terra coa intencionalidade de ocultar o tapado.
Quinto e último. Á espera de que as forzas de seguridade do estado ultimen o oportuno informe pericial sobre estes feitos, de que a fiscalía tome cartas no asunto con contundencia (sobre todo dada a reincidencia dos feitos), etc., pola parte que nos toca como afectados, no Clube Maúxo queremos deixar constancia aquí da nosa pública denuncia e do noso berro de desesperanza ao comprobar como esta parte da costa sur da ría de Vigo, no Miñor, tan fantástica e rica (entre outros bens, o lugar afectado pola entullada da Canteira da Mámoa, conta con numerosos petróglifos -O Currelo, v.g.- e o marabilloso Castro da Mámoa) resulta unha vez máis contaminada e estragada pola mala xestión, avara e irresponsable, de xestores que deberían velar máis pola integridade, rexeneración, coidado e uso público dos bens comunais e menos por intereses espúrios.
Aqui en el macizo karstico del Garraf, el ayuntamiento de Barcelona i la mancomunidad metropolitana, durante mas de 25 anyos abocaron millones de toneladas de residues domesticos sin RECLICAR i ahora nos encontamos con que las aguas pluviales CONTAMINAN una gran extencion de suelo i el mar Mediterraneo. Para Mas informacion: Federacio Catalana d’Espeleologia
Outubro 5, 2014 ás 8:33 am